Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta publicará en maio a orde para solicitar o adianto das axudas da PAC

A Xunta publicará en maio a orde para solicitar o adianto das axudas da PAC

O director xeral de Gandería avanza tamén que a Xunta articulará unha liña de crédito de entre 10.000 e 30.000 euros para que gandeiros e agricultores poidan afrontar o pagamento de facturas urxentes

G24.gal 24/04/2022 10:52

A Xunta prevé publicar a mediados de maio a orde en virtude da cal poderá solicitarse o pagamento anticipado das axudas da PAC (Política Agraria Común). O director xeral de Gandería da Consellería do Medio Rural José Balseiros así o avanzou nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega. Balseiros asegura que con este adianto duns meses sobre o prazo habitual de pagamentos, os agricultores e gandeiros terán antes os cartos para afrontar mellor a situación económica actual marcada pola alza de prezos de combustibles, enerxía e materias primas.  

"Probablemente a mediados do mes de maio estará publicada a orde, e o que queremos é que inmediatamente os solicitantes teñan a posibilidade de solicitar o anticipo da totalidade da cantidade que correspondese".

O director xeral de Gandería tamén concretou que os agricultores e gandeiros galegos contarán cunha liña de crédito de entre dez mil e trinta mil euros para afrontar o pagamento de facturas urxentes. José Balseiros dixo que están acabando a redacción do texto e que a súa publicación se fará unha vez a Xunta asine os convenios correspondentes coas entidades bancarias que se queiran adherir. 

"Unha liña de liquidez mediante a cal, subvencionando tamén os xuros e gastos financeiros, poderán acudir a ela todas aquelas persoas que teñan que facerlle fronte a pagamento de facturas e gastos que non poidan demorarse e cun tope máximo de 30.000 euros".

O director xeral de Gandaría asegura que tanto no vacún de carne coma no de leite estase vendendo a perdas debido á alza dos prezos da enerxía, os combustibles e as materias primas. José Balseiros alerta de que de se prolongar esta situación moitas explotacións quebrarán. 

"A situación actual é de venda xeneralizada a perdas (...). É unha situación que non pode seguir moito tempo porque poría en risco a viabilidade das explotacións".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade