Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Sarriana toma vantaxe na semifinal polo ascenso en Vilalba (0-1)

A Sarriana toma vantaxe na semifinal polo ascenso en Vilalba (0-1)

Millán anotou o único gol do partido na segunda metade

A eliminatoria resolveráse o domingo que vén en Sarria (17.00h, G2 e AGalega.gal)

G24.gal 18/05/2025 14:03

A segunda semifinal do cadro galego polo ascenso á 2ª RFEF comezou na Magdalena con vitoria da Sarriana, que traduciu o seu dominio en varias fases do partido nun triunfo cun gol de Millán, xa na segunda metade. O cadro de José Antonio Rodríguez, defenderá esa renda na casa, nun encontro de volta en que lle vale unha derrota mínima despois da prórroga.

A primeira metade comezou coa precaución habitual nunha promoción por parte dos dous equipos, aínda que a Sarriana quixo unha maior posesión do balón desde o principio. A primeira aproximación era unha xogada persoal de Arona Sané desde a dereita que paraba Santomé. A resposta local, ao cuarto de hora, era un centro de Martín da Lama que cabeceaba desviado Schneider. Volveu avisar a Sarriana desde loxe cun disparo de Millán que rexeitou Santomé.

No treito final da primeira metade chegou o mellor momento do Vilalbés, que xerou dúas boas ocasións nun minuto. Unha cabezada fóra de Edgar, e un remate de Javi Varela a centro de Cañi que rexeitou a defensa.

A segunda metade volveu comezar con maior dominio da Sarriana, que obrigaba a Santomé a empregarse nunha falta directa de Martín. No 62 chegou a mellor ocasión visitante, cun córner de Jacobo que rematou, lixeiramente alto, Levrand. Foi o preludio do gol de Millán, que aproveitou un rexeitamento de Santomé logo dun remate de Arona Sané. Era o minuto 65, e a Sarriana tomaba vantaxe na eliminatoria.

Por detrás no marcador, e con desvantaxe tamén no caso de empate, o Rácing Vilalbés estirouse á busca da igualada, pero non era quen de xerar perigo. A última acción foi polémica, nun centro de Buyo que petou no brazo de Vilela. O árbitro non xulgou a acción como penalti, e o partido rematou coa vitoria mínima da Sarriana. A eliminatoria decidiráse no seu campo, o domingo vindeiro ás 17h, en directo na G2.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos