A Sarriana clasifícase na prórroga contra o Vilalbés (0-1) e cítase co Estradense
Un golazo de Cañi para o Vilalbés forzou a prórroga
O resultado favorecía no tempo extra á Sarriana, que gozou de ocasións
O Vilalbés puido levar a eliminatoria no treito final cun remate do porteiro Santomé
A Sarriana clasificouse para a final galega polo ascenso á Segunda Federación. O conxunto de Sarria partía con vantaxe dun tanto e fíxoa valer, pero con moito máis sufrimento do agardado. Creou as primeiras ocasións a balón parado, con centros á área que non atopaban rematador. O Rácing Vilalbés precisaba marcar, e agardaba polas súas oportunidades á contra, pero non era quen de sorprender ao rival no treito inicial do partido, e a súa chegada máis clara foi tamén nun saque de falta que acabou nas mans de Pirot. Volveu avisar o Rácing nun erro defensivo que a piques estivo de aproveitar Borja Míguez. Foi o preludio do primeiro tanto. Unha acción pola dereita, con centro de Jose Varela e volea espectacular de Cañi, un auténtico golazo para igualar a eliminatoria co que o encontro chegaba ao descanso.
A Sarriana aplicouse no inicio da segunda metade, e tivo dúas accións clarísimas para evitar a prórroga, pero Santi Gegunde rematou nos dous casos lixeiramente cruzado. O resultado serviríalle aos de Sarria ao remate da prórroga pero, aínda así, dispuxeron da ocasión máis clara, nun remate de Sané co calcaño que sacou Santomé. O resultado non se moveu, e a eliminatoria ía á prórroga.
No tempo extra a Sarriana intensificou a ofensiva, pero o gol tampouco chegaba na ocasión máis clara, un remate de Sané ao traveseiro que botou na mesma liña de gol. O rexeitamento rematouno Azael e parouno Santomé. A Sarriana merodeaba o gol, tampouco chegou nunha cabezada de Susavila á saída dun córner, nin noutro remate de Piay nunha contra.
Pero o Rácing Vilalbés aínda non dixera a última palabra e, nos últimos minutos, gozou de dúas ocasións clarísimas. Primeiro Cañi bateu co traveseiro desde lonxe. E, despois, o porteiro Santomé incorporábase ao remate e Pirot respondía cun paradón para evitar a milagre do Vilalbés. Remataba a prórroga, e a Sarriana facía valer a súa terceira praza ligueira para avanzar a final. Será o rival do Estradense.