A Fiscalía recorrerá a imputación de Puigdemont e Rovira na causa contra Tsunami Democràtic

O Ministerio Público cre que as actuacións investigadas non encaixan no delito de terrorismo

O expresidente da Generalitat acusa as autoridades españolas dun "golpe de Estado permanente"

O xuíz cita como imputados a Puigdemont e Rovira na causa contra Tsunami Democràtic

G24.gal 06/11/2023 18:43 Última actualización 06/11/2023 19:05

A Fiscalía da Audiencia Nacional vai recorrer o auto do xuíz Manuel García Castelló que dirixe a investigación por terrorismo sobre o movemento Tsunami Democràtic contra o expresidente da Generalitat  Carles Puigdemont, a secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, e outra decena de investigados.

Esta decisión, apóiase na convicción de que as actuacións dese movemento non encaixan no delito de terrorismo e, ao desaparecer o de sedición pola reforma do Código penal, a causa só pode seguirse por desordes públicas e nos xulgados de Barcelona.

Auto do xuíz

 O xuíz considera que as accións despregadas por Tsunami Democràtic, unha "organización estruturada" e "xerarquizada" xurdida en 2019 en protesta contra a sentenza do 'procés', poderían incorrer en "actos de terrorismo" e tamén sería posible cualificalas como "delitos de desordes públicas terroristas", que require que se cometan por unha organización terrorista ou individualmente, pero amparados nela. Ao seu xuízo, buscaban "subverter a orde constitucional, desestabilizar economica e politicamente o Estado, e alterar gravemente a orde pública mediante a mobilización social masiva".

Segundo o maxistrado, os informes policiais apuntan que Tsunami foi froito dunha planificación de diferentes persoas para executar accións de grande envergadura, "capaces de mobilizar unha masa de persoas de modo que comprometesen a estabilidade económica, social, empresarial e institucional de España".

Entre esas actuacións, o xuíz cita o bloqueo do aeroporto do Prat ou o intento de bloqueo do aeroporto Adolfo Suárez-Madrid Baraxas; os altercados no partido entre o FC Barcelona e o Real Madrid o 18 de decembro de 2019 e na folga xeral do 18 de outubro; e cre tamén que Tsunami "tratou de influír" nas eleccións xerais de novembro de 2019.

Puigdemont denuncia un "golpe de Estado permanente"

O expresidente da Generalitat de Cataluña Carles Puigdemont acusou este luns as autoridades españolas de levar a cabo "un golpe de Estado permanente", "xa sexa con sabres ou con togas", despois de que o xuíz da Audiencia Nacional Manuel García Castelló dirixira contra el a investigación por terrorismo do movemento Tsunami Democràtic.

Nunha mensaxe na súa conta de X ao coñecerse a noticia, Puigdemont sinalou: "Mentres non pechen a porta que abriu o rei co discurso do 3 de outubro, sempre apestará a cloacas".

Ademais do expresidente catalán, ao que atribúen un "rol de liderado" en Tsunami, o xuíz citou tamén como investigada a secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, e outras oito persoas máis. Esta información xorde en plenas negociacións en Bruxelas entre JxCat e o PSOE para a investidura de Pedro Sánchez, nas que se está ultimando unha lei de amnistía para a causas xudiciais derivadas do proceso soberanista, e na que podería entrar Tsunami. 

 

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade