Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Fiscalía pide para Rubiales unha orde de afastamento de Jenni Hermoso

A Fiscalía pide para Rubiales unha orde de afastamento de Jenni Hermoso

Tamén solicita que teña que comparece ante o xuíz cada 15 días

Rubiales negou ante o xuíz os feitos que se lle imputan

Luís Rubiales declara na Audiencia Nacional (EFE/Sergio Pérez)
G24.gal 15/09/2023 13:05

A Fiscalía pediulle ao xuíz que investiga o bico non consentido e as coaccións do expresidente da Federación Española de Fútbol (RFEF) Luís Rubiales á futbolista Jenni Hermoso que lle impida achegarse a menos de 500 metros da xogadora nin comunicarse con ela por calquera medio durante a instrución da causa.

Fontes fiscais informaron da petición do ministerio público, que tamén solicita que Rubiales compareza cada quince días ante o xuíz.

O expresidente da RFEF compareceu durante unha hora e contestou ás preguntas do xuíz e de todas as partes e negou os feitos que se lle imputan, tanto as coaccións como a falta de consentimento no bico, segundo estas fontes. 

A avogada de Hermoso recalca: foi un bico non consentido

A avogada de Jenni Hermoso, Carla Vall, tamén pediu como a fiscalía medidas cautelares para o expresidente da Federación e reiterou que "foi un bico non consentido".

"Todo o mundo viu as imaxes, viunas todo o país. E podemos dicir precisamente que grazas a iso, grazas tamén ao cambio social, ao cambio legal, dalgún modo podemos soster que houbo completamente unha falta de consentimento por parte do señor Rubiales", manifestou en declaracións aos xornalistas congregados ante a Audiencia Nacional.

Vall, que agradeceu a atención que está a recibir o caso, sinalou que Hermoso se atopa "afectada" polo sucedido, "polo acto humillante que sufriu no estadio e que embazou un fito deportivo, unha vitoria tan grande".

Neste contexto, pediu un trato adecuado "para soster emocionalmente este proceso".

Rubiales chegaba á Audiencia Nacional tres cuartos de hora antes da súa citación acompañado da súa avogada, Olga Tubau, coñecida por defender ao maior dos Mossos d´Esquadra Josep Lluís Trapero pola súa actuación no 1-O e que finalmente resultou absolto.

Á entrada da sede do tribunal, Rubiales, sen facer declaracións -tampouco á saída-, abría a porta á letrada ante o medio cento de cámaras de medios nacionais e estranxeiros que se apiñaron nun dos días de maior expectación mediática dos últimos tempos na Audiencia Nacional.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade