Publicador de contidos

Publicador de contidos

Prisión provisional, comunicada e sen fianza para o detido polo crime de Vilaxoán

Prisión provisional, comunicada e sen fianza para o detido polo crime de Vilaxoán

O home está acusado dun delito de homicidio polo acoitelamento mortal do seu cuñado o venres pasado

Quedan en liberdade os arrestados en relación coa marihuana atopada no piso onde vítima e agresor pelexaran antes do crime

A veciñanza do barrio onde se atopa a vivenda maniféstase contra o tráfico de drogas na zona

O arrestado polo crime de Vilaxoán nos xulgados de Vilagarcía
G24.gal 28/04/2024 12:52 Última actualización 28/04/2024 21:20

O detido como suposto autor da coitelada que acabou coa vida do seu cuñado o pasado venres en Vilaxoán pasou a disposición xudicial este domingo pola mañá. Horas máis tarde, a autoridade xudicial decretaba o seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza. 

Tamén compareceron no xulgado número 3 de Vilagarcía os dous inquilinos do piso onde vítima e agresor protagonizaron unha liorta antes do crime. Neste caso, por un delito contra a saúde pública. Ambos os dous quedaron en liberdade.

O rexistro policial da vivenda permitiu descubrir unha plantación ilegal de marihuana, con ducias de plantas e todos os aparellos necesarios para o seu cultivo. 

Polo momento, segundo informa o TSXG, non se coñece relación entre un delito e o outro, polo que se están a instruír dúas causas xudiciais diferentes.

Protestas veciñais

A veciñanza levaba tempo queixándose do ambiente que había ao redor deste inmoble de Vilaxoán, onde o venres se iniciou a pelexa mortal entre os dous cuñados.

"Temos casos de venda polo miúdo na vila que afectan sobre todo pola noite e iso fai que se cree unha sensación de inseguridade cidadá. O tema policial non responde ao que nós queremos", asegura Cándido Meixide, presidente da asociación de veciños de Vilaxoán.

O crime foi a gota que encheu o vaso da paciencia dos veciños. Medio cento concentráronse no mesmo lugar onde aconteceu, para denunciar unha situación que xa non aturan máis.

"Isto estase indo das mans e non imos consentir que volvan os anos 80 coa xuventude totalmente perdida. E se hai que facer outra Operación Nécora, faise".

"E volver atrás no tempo porque Vilagarcía foi pioneira na loita contra a droga, digo eu".

Apoiando aos veciños, o xerente da Fundación galega contra o narcotráfico, Fernando Alonso, pediu que se interveña con máis axilidade contra os narcopisos.

"Non pode ser que cinco delincuentes, criminais, tamén desventurados hai que dicir porque en ocasións mestúrase todo un pouco, condicionen a vida de cincocentos veciños. Non pode ser".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade