A comunidade internacional, dividida ante a intervención militar dos EUA e a captura de Maduro
A UE chama á "moderación" na crise entre Venezuela e os EUA
Os líderes europeos evitan pronunciarse sobre os EUA e defenden a seguridade dos seus compatriotas
A comunidade internacional divídese fronte ao ataque dos Estados Unidos sobre Venezuela, un ataque que é a sexta intervención dos EUA nun país latinoamericano nos últimos 75 anos.
A UE chama á "moderación" na crise entre Venezuela e EUA
A alta representante de Exteriores da Unión Europea (UE), Kaja Kallas, chamou este sábado "á moderación" tras o ataque aéreo dos Estados Unidos en Caracas e tras manter unha conversa co secretario de Estado de EE.UU, Marco Rubio.
"Falei co secretario de Estado (estadounidense), Marco Rubio, e co noso embaixador en Caracas. A UE está a seguir de preto a situación en Venezuela", dixo a alta representante a través dunha mensaxe nas redes sociais, e engadiu que a UE fai "un chamamento á moderación".
Así mesmo, Kallas tamén insistiu en que "a UE declarou en repetidas ocasións que Maduro carece de lexitimidade e defendeu unha transición pacífica".
Engadiu que "en calquera circunstancia, deben respectarse os principios do dereito internacional e a Carta das Nacións Unidas" e asegurou que "a seguridade dos cidadáns da UE no país é a nosa máxima prioridade".
I have spoken with Secretary of State Marco Rubio and our Ambassador in Caracas. The EU is closely monitoring the situation in Venezuela.
— Kaja Kallas (@kajakallas) January 3, 2026
The EU has repeatedly stated that Mr Maduro lacks legitimacy and has defended a peaceful transition. Under all circumstances, the principles…
Antonio Costa dixo seguir a situación de Venezuela "con gran preocupación"
O presidente do Consello Europeo, António Costa, dixo seguir a situación en Venezuela "con gran preocupación" e apoiou o traballo de Kallas e os Estados membros "para garantir a seguridade dos cidadáns europeos no país".
Algúns líderes europeos evitan pronunciarse sobre os EUA e defenden a seguridade dos seus compatriotas
Os líderes de distintos países europeos defenderon este sábado a necesidade de garantir a seguridade dos seus cidadáns en Venezuela e evitaron pronunciarse de forma rotunda sobre o ataque aéreo dos Estados Unidos e o anuncio por parte do presidente estadounidense da detención do líder venezolano Nicolás Maduro.
En Alemaña, Merz di que é necesario un Goberno legitimado polas urnas. Berlín mostra a súa preocupación pola situación en Venezuela
O chanceler alemán, Friedrich Merz, dixo que en Venezuela é necesario un Goberno lexitimado polas urnas, tras a intervención militar estadounidense deste sábado en territorio venezolano.
"Agora non debe producirse inestabilidade política en Venezuela. É necesario garantir unha transición ordenada cara a un Goberno lexitimado polas urnas", dixo Merz nun comunicado
Nese comunicado, Merz acusou a Nicolás Maduro de levar " ao seu país á ruína" e recoñeceu que Berlín necesita tempo para analizar a detención do líder venezolano.
O Ministerio de Asuntos Exteriores de Alemaña mostrou xa este sábado pola mañá a súa preocupación pola situación en Venezuela.
"Observamos a situación en Venezuela con moita atención e seguimos as últimas noticias con moita preocupación", sinalan desde o Ministerio de Asuntos Exteriores alemán, que indicou que se atopa en contacto coa Embaixada de Alemaña en Caracas.
"A situación segue sendo confusa nalgúns aspectos. O comité de crise do Goberno federal reúnese hoxe no Ministerio de Asuntos Exteriores", explicou o ministerio xermano.
Berlín lembrou que o seu ministerio de Asuntos Exteriores está a se coordinar cos seus socios internacionais ante a situación en Venezuela.
Meloni ve "lexítimo" o ataque estadounidense para combater o narcotráfico e ofrece asistencia consular aos italianos en Venezuela
A primeira ministra de Italia, Giorgia Meloni, considerou este sábado "lexítimo" o ataque dos Estados Unidos en Venezuela para defenderse do narcotráfico, aínda que precisando que a intervención militar dun país estranxeiro non é "a vía" para acabar cunha ditadura.
"O Goberno cre que a acción militar exterior non é a vía para percorrer para poñer fin a réximes totalitarios pero ao mesmo tempo considera lexítima unha intervención de natureza defensiva contra ataques híbridos á súa propia seguridade, como no caso de entidades estatais que alimentan e favorecen o narcotráfico", dixo nun comunicado.
O ministro italiano de Exteriores e da Cooperación Internacional, Antonio Tajani, tamén ofreceu asistencia consular aos italianos presentes en Venezuela, ao redor de 160.000, a maioría con dobre nacionalidade polos seus antepasados italianos.
En Francia, Macron quere que González Urrutia, "presidente electo", lidere a transición en Venezuela.
O presidente francés, Emmanuel Macron, felicitouse este sábado da caída de "a ditadura de Nicolás Maduro", capturado nunha operación militar de Estados Unidos, e quere que Edmundo González Urrutia, ao que considera presidente "electo" desde os comicios de 2024, lidere unha transición.
Nunha mensaxe na súa conta de X na que non fixo ningunha crítica nin ningún comentario sobre a intervención estadounidense, Macron subliñou que "a próxima transición debe ser pacífica, democrática e respectuosa da vontade do pobo venezolano".
Engadiu que "esperamos que o presidente Edmundo González Urrutia, elixido en 2024, poida asegurar esa transición canto antes".
O presidente francés cargou con dureza contra o ata o de agora xefe do Estado venezolano, capturado xunto á súa esposa polas forzas de Estados Unidos coa intención declarada de xulgalo por narcotráfico.
Asegurou que "o pobo venezolano está agora libre da ditadura de Nicolás Maduro e non pode máis que alegrarse".
Engadiu que "ao confiscar o poder e ao pisar as liberdades fundamentais, Nicolás Maduro atacou gravemente a dignidade do seu propio pobo".
Na mañá deste sábado, o ministro francés de Exteriores, Jean-Noël Barrot, desautorizaba a captura por Estados Unidos do presidente venezolano, Nicolás Maduro, ao que criticaba por confiscar " o poder" ao pobo, e advirte de que unha solución política non pode vir imposta do exterior.
Nunha mensaxe na súa conta de X, Barrot insistiu en que "a operación militar que conduciu á captura de Nicolás Maduro infrinxe o principio de non recorrer á forza no que se basea o dereito internacional".
Sobre todo, insistiu en que "ningunha solución política duradeira pode ser imposta do exterior e os pobos soberanos deciden sós o seu futuro".
O xefe da diplomacia francesa lembrou a severidade coa que París acollera a proclamación da contestada vitoria de Maduro nas últimas presidenciais de xullo de 2024.
"Ao confiscar o poder ao pobo venezolano e ao privalo das súas liberdades fundamentais, Nicolas Maduro atentou gravemente contra a súa dignidade e contra o seu dereito á autodeterminación".
A ese respecto, lembrou que Francia se implicou en "accións de mediación en favor do respecto da soberanía do pobo venezolano, cuxa voz debe primar".
Bélxica: a seguridade dos cidadáns "é unha prioridade absoluta"
O ministro de Exteriores de Bélxica, Maxime Prévot, asegurou este sábado que a seguridade dos seus cidadáns "é unha prioridade absoluta" e informou de que a súa embaixada en Bogotá, responsable de Venezuela, así como os seus servizos na capital belga, "están plenamente mobilizados".
Portugal: pide cautela sen "caer no alarmismo" e "recoñece o papel dos EUA para unha "transición estable en Venezuela"
O Goberno de centrodereita de Portugal afirmou este sábado que "toma nota" das "garantías" dadas polo presidente Donald Trump tras a intervención estadounidense en Venezuela e asegurou que "recoñece" o papel de Estados Unidos "na promoción dunha transición estable, pacífica, democrática e inclusiva" no país caribeño.
O primeiro ministro portugués, o conservador Luís Montenegro, deu a coñecer a súa postura nunha publicación na rede social X.
"Non recoñecendo os resultados das eleccións de 2024, tomamos nota das declaracións e garantías do presidente Donald Trump e recoñecemos o papel de Estados Unidos na promoción dunha transición estable, pacífica, democrática e inclusiva en Venezuela o máis rápido posible", escribiu
Acabei de reunir com o Senhor Presidente da República, acompanhado pelo Ministro @PauloRangel_pt. Estamos a acompanhar em permanência e desde o primeiro momento a situação na Venezuela, com atenção particular à segurança e ao bem-estar da nossa comunidade. A Embaixada de Portugal…
— Luís Montenegro (@LMontenegro_PT) January 3, 2026
As autoridades portuguesas pediron aos seus cidadáns en Venezuela que permanezan na casa, mentres que o embaixador italiano no país caribeño, Giovanni Umberto De Vito, pediu cautela sen "caer no alarmismo".
Países Baixos: fai fincapé na seguridade na rexión
Nos Países Baixos, o primeiro ministro Dick Schoof fixo fincapé na seguridade na rexión, máis especificamente nas illas neerlandesas do Caribe: Aruba, Curazao e Bonaire.
"A seguridade na rexión é de grande importancia para Aruba, Curaçao e Bonaire. Mantemos un contacto estreito e informei os primeiros ministros Eman e Pisas e o gobernador Soliano de que eles e os habitantes das illas poden contar co noso apoio nestes momentos de incerteza", dixo a través de redes sociais.
Canadá pide respeto á lei internacional pero evita criticar as accións dos EUA
Canadá solicitou este sábado o respecto a "a lei internacional" pero evitou condenar a intervención militar de Estados Unidos en Venezuela e a captura do mandatario venezolano, Nicolás Maduro, e a súa esposa, Celia Flores.
Horas despois da acción estadounidense, a ministra de Exteriores de Canadá, Anita Anand, emitiu un comunicado a través das súas redes sociais no que sinalou que Ottawa "solicita a todas as partes que respecten a lei internacional e reafirma o seu apoio ao pobo de Venezuela e o seu desexo de vivir nunha sociedade pacífica e democrática".
Anand engadiu que o Goberno canadense está a cooperar "cos seus socios internacionais e seguindo de preto a evolución dos acontecementos" e lembrou que "desde 2019, cando Canadá pechou a súa embaixada en Venezuela, negámonos a recoñecer calquera lexitimidade do réxime de Maduro".
Please see my statement on the situation in Venezuela: pic.twitter.com/bILuKbHQsk
— Anita Anand (@AnitaAnandMP) January 3, 2026
Milei: "A liberdade avanza. Viva a liberdade, carallo!"
O primeiro líder internacional en dar o seu parecer foi o presidente da Arxentina. Milei celebrou o anuncio realizado parte dos Estados Unidos da captura do presidente venezolano Nicolás Maduro. Na súa da rede social X publicou a mensaxe: "A liberdade avanza. Viva a liberdade, carallo!".
LA LIBERTAD AVANZA
— Javier Milei (@JMilei) January 3, 2026
VIVA LA LIBERTAD CARAJO pic.twitter.com/yexGuQfKvF
Presidente de Ecuador: "A todos os criminais narcochavistas lles chega a súa hora"
"A todos os criminais narcochavistas lles chega a súa hora", asegurou este sábado o presidente de Ecuador, Daniel Noboa, tras coñecerse o anuncio do seu homólogo estadounidense, Donald Trump, sobre a captura do líder venezolano Nicolás Maduro.
"A todos o criminais narcochavistas lles chega a súa hora. A súa estrutura terminará de caer en todo o continente", indicou na súa conta da rede social X.
"A María Corina Machado e Edmundo González e ao pobo venezolano: é momento de recuperar o seu país. Teñen un aliado en Ecuador", finalizou na súa mensaxe Noboa, quen non recoñeceu o Goberno de Maduro proclamado nas últimas eleccións e quen estivo en decembro pasado en Oslo para acompañar a líder da oposición na cerimonia de entrega do Premio Nobel da Paz.
O presidente de Costa Rica celebra a detención de Maduro
O presidente de Costa Rica, Rodrigo Chaves, celebrou este sábado a detención do mandatario venezolano, Nicolás Maduro, durante unha operación militar de Estados Unidos e afirmou que nunca foi un mandatario lexítimo e debe pagar polos seus crimes.
"O meu goberno declarou desde o principio que Nicolás Maduro cometeu fraude electoral. Por iso, nunca foi un presidente lexítimo e agora debe responder polos seus crimes", expresou Chaves nun audio distribuído aos medios de comunicación.
Chaves enviou "un abrazo fraterno" ao pobo venezolano e instou a que "celebremos esta nova oportunidade para os nosos irmáns venezolanos".
"Que Deus bendiga ao pobo venezolano e axúdeo a recuperar a democracia e o Estado de dereito que o deposto ditador Maduro rouboulles", manifestou o presidente costarriqueño.
Panamá di que González Urrutia é o presidente electo de Venezuela e pide transición ordenada
O presidente de Panamá, José Raúl Mulino, expresou este sábado o seu apoio ao opositor Edmundo González Urrutia como lexítimo gañador das eleccións presidenciais de 2024 en Venezuela e avogou por unha "transición" ordenada do poder nese país tras a captura de Nicolás Maduro por parte de Estados Unidos.
"Ante os acontecementos ocorridos esta madrugada en Venezuela, o meu goberno reitera a nosa posición a favor do ensaio democrático e en favor da aceptación dos lexítimos desexos do pobo venezolano, expresados de maneira contundente nas urnas electorais, onde foi electo o cidadán Edmundo González. Panamá será sempre solidaria coa paz e cun proceso de transición ordenado e lexítimo", expresou Mulino nunha mensaxe en X.
Ante los acontecimientos ocurridos esta madrugada en Venezuela, mi gobierno reitera nuestra posición a favor del ensayo democrático y en favor de la aceptación de los legítimos deseos del pueblo venezolano, expresados de manera contundente en las urnas electorales, donde fue…
— José Raúl Mulino (@JoseRaulMulino) January 3, 2026
Colombia reforza a fronteira con Venezuela por seguridade e para atender a posibles refuxiados
O presidente colombiano, Gustavo Petro, anunciou este sábado un reforzo da seguridade na fronteira con Venezuela para atender unha eventual chegada masiva de refuxiados dese país tras o ataque dos Estados Unidos a Caracas e outras cidades e a captura de Nicolás Maduro e a súa esposa, Cilia Flores.
"Desprégase a forza pública na fronteira, desprégase toda a forza asistencial da que dispoñemos en caso de entrada masiva de refuxiados", manifestou Petro nunha mensaxe na súa conta de X, na que sinalou que estivo a seguir os acontecementos en Venezuela nun consello de seguridade durante a madrugada.
El Gobierno de la República de Colombia observa con profunda preocupación los reportes sobre explosiones y actividad aérea inusual registrados en las últimas horas en la República Bolivariana de Venezuela, así como la consecuente escalada de tensión en la región.
— Gustavo Petro (@petrogustavo) January 3, 2026
Colombia…
México "condena enerxicamente"o ataque dos EUA a Venezuela e chama a ONU a "actuar"
México rexeitou este sábado "enerxicamente" o ataque militar dos Estados Unidos contra Venezuela, con accións en Caracas e outras cidades do país, e no que foron capturados Nicolás Maduro e a súa esposa, Cilia Flores, á vez que urxiu a Nacións Unidas a "actuar inmediatamente"
"O Goberno de México condena e rexeita enerxicamente as accións militares executadas unilateralmente nas últimas horas por forzas armadas dos Estados Unidos de América contra obxectivos en territorio da República Bolivariana de Venezuela, en clara violación do artigo 2 da Carta da Organización das Nacións Unidas (ONU)", aseverou un comunicado da Secretaría de Relacións Exteriores, compartido pola presidenta, Claudia Sheinbaum.
O presidente de Bolivia di que "a saída para Venezuela é respetar o voto"
O presidente de Bolivia, Rodrigo Paz, sostivo este sábado que o seu país está "ao lado da democracia" e que "a saída para Venezuela é respectar o voto", tras o ataque aéreo de Estados Unidos esta madrugada e a detención do mandatario venezolano, Nicolás Maduro.
"A liberdade non se negocia. A dignidade dos pobos tampouco. Cando un réxime ilegal goberna para o narcotráfico, a sociedade é sometida á tiranía", publicou o centrista Paz nas súas redes sociais.
O mandatario boliviano, que tomou posesión en novembro, tamén dixo que "Bolivia reafirma que a saída para Venezuela é respectar o voto, que representa a verdadeira vontade popular".
"Bolivia sempre estará á beira da democracia, a institucionalidad e respecto aos dereitos humanos", engadiu.
La libertad no se negocia.
— Rodrigo Paz Pereira (@Rodrigo_PazP) January 3, 2026
La dignidad de los pueblos tampoco.
Cuando un régimen ilegal gobierna para el narcotráfico, la sociedad es sometida a la tiranía.
Bolivia reafirma que la salida para Venezuela es respetar el voto, que representa la verdadera voluntad popular.
Bolivia…
Antes da mensaxe do gobernante, a Cancillería boliviana expresou nun comunicado o apoio do Goberno ao "pobo venezolano" no que considerou o inicio dun camiño de "recuperación da súa democracia" e considerou "ineludible" que haxa unha "transición democrática real" nese país.
O chanceler de Cuba "denuncia o criminal" ataque dos EUA contra Venezuela
Tamén se pronunciou antes de coñecérense todos eses extremos o chanceler de Cuba, Bruno Rodríguez, quen denunciou un "criminal ataque" dos Estados Unidos contra Venezuela e esixiu unha reacción "urxente" da comunidade internacional.
"Cuba denuncia e demanda URXENTE reacción da comunidade internacional contra criminal ataque dos EUA a Venezuela. A nosa #ZonaDePaz está a ser brutalmente asaltada. Terrorismo de Estado contra o bravo pobo venezolano e contra a nosa América", advertiu Bruno Rodríguez na súa conta de X.
E apostilou: "Patria ou Morte Venceremos!"
Condenamos enérgicamente la agresión militar en curso de #EEUU contra #Venezuela.
— Bruno Rodríguez P (@BrunoRguezP) January 3, 2026
Los bombardeos y acciones bélicas contra Caracas y otras localidades del país son actos cobardes contra una nación que no ha agredido a EEUU ni a ningún otro país.
Rusia condena a "agresión militar" de EUA contra Venezuela e pide evitar unha escalada maior
O Ministerio de Exteriores de Rusia condenou este sábado a "agresión militar" dos Estados Unidos contra Venezuela e avogou polo diálogo para evitar unha escalada maior na rexión.
"Na situación actual é crucial, sobre todo, evitar unha escalada maior e centrarse en atopar unha saída (á situación) a través do diálogo", sinala o comunicado oficial.
A nota indica que Washington cometeu un "acto de agresión militar" contra Venezuela, o cal é "profundamente preocupante".
"Os pretextos utilizados para xustificar tales accións son infundados", afirmaron en Moscova.
Rusia tamén esixiu este sábado que se aclare o paradoiro do líder venzolano e da súa muller, que foron sacados do país "pola forza" e como consecuencia da "agresión estadounidense".
Bielorrusia condena o ataque a Venezuela e di que será un "segundo Vietnam"
Bielorrusia sumouse este sábado á condena manifestada pola súa veciña Rusia da "agresión" dos Estados Unidos contra Venezuela e advertiu que a situación pode converterse no "segundo Vietnam" para Washington.
"O presidente de Bielorrusia, Alexandr Lukashenko, condena categoricamenteme o acto de agresión estadounidense contra Venezuela", asegura a portavoz presidencial, Natalia Eismont, citada pola axencia estatal BELTA.
Eismont agregou que Lukashenko dixo nunha entrevista recente con medios estadounidenses que semellante desenvolvemento dos acontecementos "sería o segundo Vietnam" para EUA e que os estadounidenses non o necesitan.
Tamén o Ministerio de Exteriores bielorruso condenou o ataque de Washington e cualificouno dunha "ameaza directa á paz e a seguridade" no mundo.
Letonia e Lituania piden contención e respeto ao dereito internacional
Os ministros de Exteriores de Letonia e Lituania, Baiba Braže e Kęstutis Budrys, respectivamente, chamaron á contención e ao respecto ao dereito internacional en Venezuela, tras a intervención militar estadounidense deste sábado.
En senllas mensaxes emitidas en X ao mesmo tempo, os xefes da diplomacia de ambos os países bálticos insistiron en chamar a que o dereito internacional sexa respectado polos actores implicados nos feitos de Venezuela.
Baiba Braze di tamén que Letonia "nunca recoñeceu a lexitimidade do réxeme de Maduro tras o roubo das eleccións. Venezuela está mellor sen el".
Latvia closely follows the situation in Venezuela, coordinating within the EU and with partners.
— Baiba Braže (@Braze_Baiba) January 3, 2026
We’ve never recognised legitimacy of Maduro regime after the stolen elections. Venezuela is better off without him.
We call for restraint and respect for international law by all. https://t.co/xhCy9tIaGW
Budrys tamén lembrou que o "réxime" de Nicolás Maduro apoiou "a guerra de agresión contra Ucraína activamente xunto a Irán e Cuba" e, do mesmo xeito que Braže, destacou que ningún dos dous países bálticos recoñeceu ao presidente capturado este sábado por militares estadounidenses en Caracas.
We are closely monitoring the situation in #Venezuela in coordination with our international partners and allies.
— Kęstutis Budrys (@BudrysKestutis) January 3, 2026
Lithuania has not recognized Nicolás Maduro as the legitimate president of Venezuela. As a reminder, his regime has supported Russia’s war of aggression against…
Irán condena o ataque de EUA a Venezuela e chama a comunidade internacional a detelo
Irán condenou este sábado o ataque militar dos Estados Unidos contra Venezuela, ao que cualificou de violación flagrante do dereito internacional, e pediu unha resposta inmediata da comunidade internacional para frealo.
“O ataque militar dos Estados Unidos contra Venezuela constitúe unha violación manifesta dos principios fundamentais da Carta das Nacións Unidas e das normas básicas do dereito internacional”, denunciou nun comunicado o Ministerio de Exteriores iraniano, país que recentemente tamén recibiu as advertencias dos Estados Unidos.
O Ministerio de Asuntos Exteriores de Irán describiu os ataques estadounidenses como “unha agresión contra un Estado soberano”, que supón unha grave ameaza para a paz e a seguridade rexionais e internacionais. A chancelería iraniana alertou de que as súas consecuencias afectan a todo o sistema internacional, ao debilitar a orde baseada na Carta da ONU.
Netanyahu felicita a Trump "polo seu valente liderado" na operación militar en Venezuela
O primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, felicitou este sábado ao presidente de Estados Unidos, Donald Trump, "polo seu valente e histórico liderado en nome da liberdade e a xustiza" tras a operación militar estadounidense lanzada esta madrugada en Venezuela.
"Felicitacións, presidente polo seu valente e histórico liderado en nome da liberdade e a xustiza. Saúdo a súa decidida determinación e a brillante acción dos seus valentes soldados", escribiu na súa conta de X.
Congratulations, President @realDonaldTrump for your bold and historic leadership on behalf of freedom and justice. I salute your decisive resolve and the brilliant action of your brave soldiers.
— Benjamin Netanyahu - בנימין נתניהו (@netanyahu) January 3, 2026
A China condena os ataques dos EUA e pide respeto ao dereito internacional
A China condenou este sábado os ataques militares lanzados por Estados Unidos contra Venezuela e pediu a Washington que respecte o dereito internacional e os principios da Carta das Nacións Unidas, nunha reacción oficial difundida nun comunicado polo Ministerio de Exteriores chinés.
China declarouse "profundamente conmocionada" e "condena firmemente" o que cualificou como o "uso descarado da forza" por parte de Estados Unidos contra un país soberano, así como o feito de que se apuntou " contra o presidente doutro país".
O Ministerio de Exteriores chinés sostivo que estas accións "violan gravemente o dereito internacional", "infrinxen a soberanía de Venezuela" e "ameazan a paz e a seguridade da rexión de América Latina e o Caribe", á vez que subliñou que China "se opón firmemente" a este tipo de actuacións.