Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Casa Branca confirma que está en contacto con Hamas para poñer fin á guerra en Gaza

A Casa Branca confirma que está en contacto con Hamas para poñer fin á guerra en Gaza

Os Estados Unidos nunca antes dialogara directamente con Hamas, a quen Washington considera unha organización terrorista

G24.gal 05/03/2025 20:47 Última actualización 05/03/2025 20:57

A Casa Branca confirmou este mércores que hai "conversacións e discusións en curso" co grupo islamita Hamas para poñer fin á guerra na Franxa de Gaza.

As conversacións, lideradas polo enviado presidencial Adam Boehler, son inéditas, xa que Estados Unidos nunca antes dialogara directamente con Hamas, a quen Washington considera unha organización terrorista.

A organización islamita confirmou pola súa banda que nos últimos días estivo mantendo conversacións directas co enviado especial da Casa Branca para as negociacións de reféns, Adam Boehler, sobre o acordo do cesamento do fogo en Gaza, confirmou un alto cargo do grupo palestino.

Esta confirmación chega despois de que o sábado o grupo palestino rexeitara a proposta estadounidense de estender a primeira fase do acordo ata a fin do Ramadán a cambio da liberación do resto de reféns que seguen na Franxa.

"O enviado especial que participa nesas negociacións ten autoridade para falar con calquera", dixo a secretaria de prensa da Casa Branca, Karoline Leavitt, en declaracións, recollidas polo xornal The Times of Israel.

Israel acusa a Hamas de romper as negociacións do acordo polo seu rexeitamento á proposta que atribúe a Steve Witkoff, o enviado especial estadounidense para Oriente Medio, de prolongar a primeira fase do acordo.

Segundo o texto orixinal asinado en Doha por Israel e Hamas, o domingo debería entrar a segunda fase que contempla a liberación do resto de reféns e a retirada total das tropas israelís da Franxa para dar paso ao fin da guerra.

Hamas considera que Israel, con esta nova proposta, busca eludir o seu compromiso de poñer fin á súa ofensiva que deixou un devastado enclave palestino

Desde entón, o primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, anunciou o bloqueo da entrada da axuda humanitaria a Gaza ata que o grupo palestino libere aos reféns.

O cesamento do fogo no que vai de semana mantívose, aínda que o Exército atacou ocasionalmente algúns puntos do enclave.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade