Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vinte e nove anos do asasinato de Miguel Ángel Blanco

Vinte e nove anos do asasinato de Miguel Ángel Blanco

Tres membros do Comando Donosti da ETA executárono a sangue frío coas mans atadas

Aquel 13 de xullo de 1997 España estourou de rabia e impotencia e berrou: "Basta xa!"

G24.gal 13/07/2026 13:24

Foi unha execución a sangue frío. 48 horas despois de secuestralo, o comando Donosti da banda terrorista, que en anos anteriores asasinara a Gregorio Ordóñez, Fernando Múgica ou Francisco Tomás y Valiente, deixou coas mans atadas nun monte de Lasarte o corpo de Miguel Ángel Blanco con dous tiros na cabeza.

O concelleiro do PP de Ermua, fillo de galegos da Merca, chegou vivo ao hospital, pero morreu pouco despois. Tras dous días contendo o alento, España enteira estourou de dor, rabia, indignación e impotencia.

A unidade do pobo fronte aos violentos tamén se deu na clase política coa única excepción de Herri Batasuna. Dous dos etarras que cometeron o crime, Txapote e Amaia, cumpren desde 2006 unha condena de 50 anos de prisión. Nunca amosaron arrepentimento. O terceiro, Totto, suicidouse en 1999 cercado polas investigacións policiais.

O concelleiro abertzale Ibon Muñoa, que lle cedeu ao comando o seu piso e coche, está en liberdade desde 2020. Tamén a cúpula etarra nesa época, Iñaki de Rentería, Anboto e Mikel Antza, procesados en 2022 como responsables intelectuais, pero exonerados en 2024 porque o delito prescribira.

Mentres, os pais de Miguel Ángel tiveron que trasladar os seus restos a Galicia, cansos de que a súa tumba en Euskadi fose profanada polos simpatizantes da ETA. O vixésimo noveno aniversario do crime coincide co momento en que o Goberno Vasco do PNV está a aplicar medidas de flexibilización a etarras condenados, como o terceiro grao a Arkaitz Agirregaviria, responsable do último asasinato da banda en 2010.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade