2.200 maiores entre 60 e 79 anos están citados para facer unha PCR no Grove
Un gromo durante a celebración dun aniversario de boda nun restaurante da vila dispara a incidencia aos 358 casos
O proceso de vacinación continúa e tamén a busca de asintomáticos. O Sergas volve facer probas diagnósticas PCR como ferramenta para o control desta sexta vaga, como acontece no concello do Grove.
359 casos por cen mil habitantes aos catorce días. Esa é a incidencia no concello do Grove que con algo máis de 10.500 habitantes rexistra 39 casos de coronavirus diagnosticados por unha proba PCR.
Un gromo durante a celebración dunhas vodas de ouro nun restaurante da vila está detrás da cifra tan alta de incidencia da covid-19.
O Sergas, ante a posibilidade de espallamento do gromo incial, dispuxo para a fin de semana este cribado con probas PCR para homes e mulleres entre 60 e 79 anos. No sábado citaron 1.100, dos que acudiron á chamada máis de 700. Un 35% non se presentou á cita.
Nesta xornada de domingo volve haber outros 1.100 citados, 550 na quenda da mañá e 550 na da tarde. O cribado masivo fíxose no centro social da terceira idade do Corgo, no Grove.
