"Unha camiseta para un país", o lema da nova elástica do Celta para a próxima temporada
Hummel substitúe a Adidas como firma que vestirá o conxunto celeste e que se estrea cunha peza que leva os nomes de todos os concellos de Galicia

Un día despois de anunciar o acordo con Hummel tras o adeus a Adidas cun ano de antelación, o Celta deu a coñecer xa o primeiro deseño con esta firma: a camiseta do seu primeiro equipamento para a tempada 2024/2025.
A anterior firma levaba vestindo aos célticos desde o ano 2013. A nova camiseta leva os nomes de todos os concellos de Galicia e presentouse cun vídeo onde se xoga cos versos do himno do centenario, Oliveira dos cen anos, e sílabas dos nomes de diferentes concellos. Comeza cunha imaxe de Moaña, o municipio natal do capitán, Iago Aspas.
O anuncio chegou despois de que, unha hora antes do mesmo, o Celta espertase a intriga entre os seus afeccionados en redes sociais con dous chíos difíciles de descifrar. No primeiro, cunha imaxe onde se vían un cartel da provincia de Pontevedra e outro do Concello de Crecente, preguntaban: "E ti, de quen vés sendo?".
Minutos máis tarde, co número 313, os carteis eran protagonizados polos concello de Gondomar, Cervo, Narón e Laza. Era o aperitivo antes de dar a coñecer a nova peza e a filosofía con que foi concibida.
🩵👕 Unha camiseta para un país#NonPodeSerMáisDeAquí@hummel1923 ⋄ @hummelspain pic.twitter.com/5aZtWkHifH
— RC Celta (@RCCelta) June 4, 2024