Publicador de contidos

Publicador de contidos

O debate sobre a posible intelixencia dos polbos cuestiona os plans para crear as primeiras granxas

O debate sobre a posible intelixencia dos polbos cuestiona os plans para crear as primeiras granxas

O Congreso terá que discutir unha proposición para que se prohiba a cría desta especie en catividade

Para algúns colectivos sería unha "aberración" e unha "crueldade" cultivar estes animais a escala industrial

Está demostrado que posúen certas capacidades cognitivas, pero hai dúbidas de que teñan conciencia

 

 

G24.gal 12/05/2026 14:56

A Ciencia tardou medio século en vencer os obstáculos para conseguir criar polbo en catividade, agora a barreira é a ética.

O Congreso dos Deputados ten que buscar data para debater a proposición de lei que pide que en España se prohíban as granxas de polbo. Presentárona Sumar, Podemos e Esquerra, recollendo unha petición de Intercids, un colectivo de xuristas e profesionais das forzas de seguridade que defenden o medio ambiente e o benestar animal. A súa posición choca con proxectos como o da galega Nueva Pescanova, a empresa se propón abrir nas Canarias a primeira granxa de acuicultura de polbos do mundo.

O principal argumento contra estas instalacións é que serían crueis cos animais. O problema é que é algo moi difícil de medir. Ninguén dubida de que os polbos son cefalópodos cunha capacidade cognitiva destacable. Está demostrado que teñen memoria e son quen de interactuar cos humanos. Para algúns, iso significa intelixencia; para outros iso é moito dicir.

"A gran capacidade cognitiva destes animais está acreditada por estudos científicos", asegura María González Lacabex, avogada de Intercids, experta en Dereito Animal e do Medio Ambiente.

"A min non me gusta falar de intelixencia, porque hai diferentes graos de intelixencia. A min gústame falar de que é un animal cunha complexidade cognitiva evidente", apunta pola súa parte Pep Rotllant, investigador de Biotecnoloxía Acuática do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, un organismo dependente do CSIC.

"O que non significa que chegen a ser animais cunha conciencia tal como nós a entendemos. Simplemente teñen un nivel de desenvolvemento bastante elevado para seren invertebrados", completa Francisco Javier Rocha, profesor de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo.

Para os colectivos que piden prohibir as granxas de polbos, a cría en catividade iría en contra da súa natureza salvaxe, xa que é unha especie que, en liberdade, vive en solitario. Non é necesario, din, pór en marcha esta industria.

Os científicos que defenden o seu cultivo contestan que foron quen de deseñar técnicas que garanten o benestar animal, cumprindo coa estrita lexislación europea. E afirman que só a acuicultura podería abastecer a demanda de polbo e que se segue capturando acabará por desaparecer dos mares.

Mentres, o movemento que pon en valor as capacidades dos polbos esténdese por todo o mundo con documentais, apoios de personaxes célebres e, este mesmo ano, unha película de Hollywood, 'Criaturas luminosas', En España a proposición de lei contra as granxas de polbos presentouse hai case un ano pero aínda está pendente de debate no Congreso. Os grupos que a promove, como Sumar, queren levar a iniciativa tamén a Bruxelas, para que se tomen medidas a nivel da Unión Europea.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade