Galicia acollerá a fase final da Copa das Rexións UEFA
Será a sede, por primeira vez na historia, desta fase final, que terá lugar o próximo mes de xuño

Xa é oficial. Galicia loitará por facer historia na súa casa e co apoio da súa xente. A UEFA aceptou este mércores, tras unha reunión que tivo lugar na súa sede de Nyon, a candidatura presentada por Galicia para acoller a fase final da Copa das Rexións UEFA e a comunidade galega será a sede, por primeira vez na historia, desta fase final, que terá lugar o próximo mes de xuño.
A RFGF, co seu presidente Rafael Louzán á cabeza, e tras a clasificación histórica da Selección Galega na fase intermedia para loitar polo título, trasladou á RFEF, en condición de representante nacional na Copa das Rexións, o seu interese en ser a anfitrioa da fase final do torneo. A RFEF apoiou a proposta de Galicia, que finalmente foi aceptada este mércores por parte da UEFA.
Galicia xa coñece os seus posibles rivais nesta fase final da Copa das Rexións UEFA. Lisboa foi a última selección en asinar o billete para loitar polo título tras liderar o seu grupo en que tamén estaban Kolos Cherven (BLR), Tampere (FIN) e o Kayseri turco. Así, a selección galega, clasificada o pasado mes de outubro tras superar a Pest (Hungría), Xenebra (Suíza) e Ljubljana (Eslovenia) en Galicia, terá como posibles rivais, ademais de Lisboa, a Bavaria (Alemaña), Belgrado (Serbia), Dolny Śląsk (Polonia, vixente campión), República de Irlanda, Zenica-Doboj (Bosnia-Herzegovina) ou Zlín (República Checa).