Sumar Galicia rexístrase como partido, con Paulo Carlos López como portavoz

A formación reivindícanse como "unha organización galega autónoma" dentro do espazo federal promovido por Sumar

G24.gal 22/11/2023 14:39

Sumar Galicia rexistrouse este mércores como partido no Ministerio do Interior e anunciou que o profesor da USC Paulo Carlos López será o portavoz.

Deste xeito, o movemento que a nivel estatal lidera a vicepresidenta do Goberno, Yolanda Díaz, inicia a súa preparación para as eleccións galegas do próximo ano, para as que aposta "pola unidade”.

Desde a organización remarcan nun comunicado que con este rexistro reivindícanse como "unha organización galega autónoma que estará federada con Movemento Sumar a nivel estatal".

A organización avanza que nos próximos días o novo partido dará a coñecer unha comisión promotora formada "por galegos e galegas de orixes diversas, pero co obxectivo común de contribuír de maneira decisiva a gañar a próxima década como país".

O portavoz de Sumar en Galicia, Paulo Carlos, enviou unha misiva ás máis de 3.500 persoas rexistradas na comunidade, na que se compromete a "seguir tecendo a esperanza e a ilusión que xa está a transformar, con políticas públicas útiles, a nosa realidade cotiá".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade