Salón do vehículo de ocasión en Expourense

Máis de catrocentos coches seminovos, con todas as garantías e entrega inmediata

G24.gal 23/11/2023 21:53

Se andan na procura dun coche de segunda man teñen unha cita estes días en Expourense. Alí poden atopar máis de catrocentos coches seminovos, con todas as garantías e entrega inmediata.

Dende os seis mil aos sesenta e catro mil euros. Ofertas hai neste Salón do Vehículo de Ocasión para todos os petos. Pouco despois de abrir as súas portas xa había varios coches vendidos, din que aproveitando algúns dos mellores descontos. Apuntan nos concesionarios que as vendas de vehículos de segunda man van remontando, e que moitos dos clientes veñen xa cunha idea fixa do coche que están buscando.

Hai máis de catrocentos coches para elixir, cun prezo medio de dezaoito mil euros. As vendas comezaron xa a pouco de que o salón abrira as súas portas.

"Eu viña a mirar, pero con idea de comprar, gustoume ese e decanteime por ese".

"É que hoxe en día o prezo dos coches novos tal e como está subindo o custo da vida é bastante inaccesible, e aquí hai coches en que aforras un trinta ou un corenta por cento".

Os prezos varían e tamén os descontos, pero quen o ten claro non deixa pasar a oportunidade.

"Sorprendeunos que empezou hoxe e xa hai algún vendido, a xente vai moi rápido".

As vendas dos coches de ocasión repuntan este ano. Lembran que teñen todas as garantías, con descontos de ata cinco mil euros.

"Todos os coches son certificados pola marca, con menos de dez anos de antigüidade, e temos tamén quilómetro cero, vehículos de xerencia, e son vehículos que están seminovos", explica Daniel Fernández, de Automóviles Louzao Mercedes Ourense.

O cliente, din, sabe ben o que quere.

"O que busca a xente normalmente é un coche diésel, que consuma pouco, que lle sirva para o uso de vida familiar, pero o que quere é dispoñibilidade inmediata. Cando alguén vén a por un vehículo de ocasión o que quere é que o coche estea preparado nunha semana, que teña garantía e que o coche non teña moitos quilómetros", apunta César Fernández, Vicepresidente de ACAUTO.

E non falta tamén quen malia as ofertas prefire meditar a compra. 

"Subiron, o mercado de segunda man está en auxe, é difícil atopar algo que por prezo e calidade entre no peto de calquera hoxe en día".

"De momento hai que mirar ofertas e mirar as condicións que ten cada un".

O salón seguirá aberto en Expourense ata o vindeiro domingo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade