Patxi López denuncia os ataques contra o PSOE: "Non nos van calar"

O grupo socialista ovaciona o deputado ao que lanzaron ovos na contorna do Congreso

O deputado do PSOE, Patxi López, intervén durante a sesión de investidura (EFE/ Juan Carlos Hidalgo) O deputado do PSOE, Patxi López, intervén durante a sesión de investidura (EFE/ Juan Carlos Hidalgo)
G24.gal 16/11/2023 12:32 Última actualización 16/11/2023 12:57

O grupo socialista, posto en pé, ovacionou o deputado por Teruel Herminio Sancho, agredido esta mañá por uns mozos que lle lanzaron ovos preto do Congreso, durante unha acesa intervención no pleno de investidura do portavoz socialista, Patxi López, que lle transmitiu ánimo.

López lanzou unha mensaxe de "ánimo" e "forza" a todos os deputados do PSOE que sufriron acosos, insultos ou agresións, e proclamou nun ton contundente, que arrincou aplausos e levantou aos socialistas dos seus escanos: "Non nos van calar".

O portavoz socialista reprochoulle ao PP que estea "a alimentar" os que gritan nas manifestacións contra as sedes do PSOE así como os que "sinalan" e "acusan" lanzando ovos a parlamentarios deste partido.

Ante o recoñecemento dos seus compañeiros de grupo, o deputado Herminio Sancho tamén se puxo tamén en pé e lanzou bicos a López polas súas palabras de apoio desde a tribuna do Congreso. 

O PP insiste en que non alenta disturbios

O vicesecretario de organización do PP e deputado Miguel Tellado interveu no pleno do Congreso para condenar a agresión ao deputado socialista Herminio Sancho por parte duns mozos que lle lanzaron un ovo, aínda que insistiu en que é o PSOE o que non condena a violencia "coa súa amnistía".

Despois de que o portavoz socialista no Congreso, Patxi López, acusara o PP de "alimentar" as rúas con manifestacións e definir a Tellado como un "antidemócrata de toda a vida", que "debería saír da Cámara pola porta de atrás", o dirixente do PP pediu a palabra para lamentar que o ton de López se debe á necesidade de manterse no cargo e non ser substituído polo deputado Óscar Puente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade