Morre un home preto do encoro de Eiras nun accidente de caiac

Dúas persoas que o acompañaban conseguiron sacalo da auga inconsciente

G24.gal 03/12/2023 20:10 Última actualización 03/12/2023 20:23

Un home morreu este domingo preto do encoro de Eiras, no concello de Fornelos de Montes, tras sufrir un accidente co seu caiac no río Oitavén. Ocorreu pasadas as tres da tarde.

Dúas persoas que o acompañaban conseguiron sacalo da auga inconsciente e chamar o 112. Malia os esforzos, os servizos de emerxencias só puideron confirmar o seu falecemento. Atopábanse moi preto dun barranco de difícil acceso.

Mobilizouse un operativo de rescate e chegou a valorarse un rescate aéreo, que finalmente sería descartado polos riscos derivados da meteoroloxía adversa. Deste xeito, os bombeiros e a Garda Civil procederon co rescate por terra.

Pola súa banda, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilizou o seu persoal a bordo dunha ambulancia. Finalmente, os bombeiros conseguiron chegar ao lugar do accidente e rescatar o corpo da persoa falecida.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar