Tellado: "A lei de amnistía é un erro xurídico e político que ten graves consecuencias para a calidade democrática"

O vicesecretario de organización do PP apela aos cargos do PSOE a que alcen a voz ante o que considera un erro de dimensións históricas 

Avanza que os populares darán a batalla no ámbito institucional, político e social en contra da norma

G24.gal 14/11/2023 10:20

O vicesecretario de organización do PP, Miguel Tellado, cualifica de "erro xurídico e político" a lei de amnistía e alerta de que a norma é "un ataque claro ó noso estado de dereito, á división de poderes e á convivencia". 

Nunha entrevista no Galicia por diante, o popular arremete contra a iniciativa lexislativa e di que "é unha lei que culmina un proceso de humillación de Pedro Sánchez, do seu Goberno e, en xeral, do estado de dereito do noso país. Ao final nesa lei acéptase punto por punto todas as esixencias da chantaxe do independentismo". 

Tellado cuestiona os argumentos dados polo PSOE que sostén que a norma é un paso para a convivencia e o reencontro en Cataluña e di que "non se garante a convivencia intercambiando votos por impunidade xurídica para aqueles que delinquiron durante os últimos dez anos en Cataluña". 

Advirte Tellado que se están a amnistiar "delitos gravísimos, como a corrupción e o terrorismo, a cambio de votos, dos sete votos que son os que Pedro Sánchez precisa para ser presidente do Goberno", e sinala que isto é algo "inaceptable" dentro do marco da Unión Europea. 

O vicesecretario de organización do PP avanza que o partido mobilizarase e traballará en tódolos ámbitos como "o institucional, o político e social" en contra da norma. Destaca a gran contestación que hai na rúa e cre que Sánchez debe escoitar a sociedade civil que "está a alzar a voz ante este erro monumental que provoca un menoscabo ó noso estado de dereito, á igualdade dos españois e á separación de poderes". Ao seu entender, Pedro Sánchez é unha "auténtica ameaza para o Estado de dereito do noso país". 

O popular acusa a Sánchez de enganar os seus votantes e lembra que a amnistía non ía no programa electoral do PSOE. "Pedimos a Pedro Sánchez que recapacite e que alguén dentro do PSOE alce a voz para dicir que o PSOE non se pode traizoar a si mesmo desta forma. Isto é un erro de dimensións históricas e desde logo o PSOE, con esta actitude, está a abandonar os seus posicionamentos constitucionalistas e a aceptar o relato independentista. Faino a cambio duns votos e iso é prostituír a tradición constitucionalista do PSOE". 

Ante a convocatoria da folga xeral por parte do sindicato Solidaridad, vencellado a Vox, Tellado amósase prudente porque "coñecemos a convocatoria por teletipos. Os que poden convocar unha folga xeral no país son as forzas sindicais, os axentes sociais e hai que escoitar o que din os sindicatos e a patronal". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade