Emerxencia sanitaria no norte de Gaza: todos os hospitais, salvo un, fóra de servizo
Emerxencia sanitaria no norte de Gaza: todos os hospitais, salvo un, fóra de servizo
Deixaron de funcionar debido á falta de electricidade e subministracións médicas polos continuos bombardeos na zona
O hospital de Al Ahli, o único que segue en funcionamento no norte da Franxa

Esta mañá a Oficina de Coordinación de Axuda Humanitaria da ONU confirmou, no seu informe diario sobre o impacto da guerra nos civís, que todos os hospitais da cidade Gaza e no norte deixaron de funcionar debido "á falta de electricidade, de subministracións médicas, de osíxeno, alimentos e auga, ademais dos bombardeos e enfrontamentos aos arredores".
Esta paralización de todos os hospitais do norte da Franxa de Gaza afecta a parte máis densa da infraestrutura sanitaria deste enclave. O único hospital que segue en funcionamento é o Al Ahli, onde hai 500 pacientes aínda que se espera que, a pesar das dificultades, poda seguir recibindo algúns máis.
Un dos hospitais máis afectados polo conflito é o de Al Shifa, situado no centro dos enfrontamentos armados. Segundo Nacións Unidas, nos dous últimos días morreron 32 pacientes e tres bebés prematuros no hospital de Al Shifa como consecuencia do corte de electricidade e as condicións extremadamente precarias.
As últimas informacións que se recibiron dese hospital indican que, ata onte, había entre 600 e 650 pacientes hospitalizados, entre 200 e 250 membros do persoal e 1.500 desprazados internos. Ademais, 36 bebés en incubadoras e os enfermos que necesitan diálises atopábanse en risco inminente de morrer.
A OCHA sinalou que o exército israelí segue "chamando e exercendo presión" para que os residentes do norte de Gaza se despracen cara ao o sur, algo que fixeron uns 200.000 na última semana, o que eleva a cifra a máis de 1,7 millóns de desprazados internos en Gaza.
A OMS declarou que a orde de evacuación dos hospitais do norte da Franxa pode supoñer unha sentenza de morte para milleiros de persoas, xa que o sistema médico dos hospitais do sur atópase colapsado, sen capacidade para recibir a todos os pacientes evacuados.