As grandes petroleiras entran no mercado de baixo custo

A compra de Ballenoil por parte de Cepsa afecta catro estacións en Galicia e outras sete en proxecto

Os clientes destas gasolineiras agardan que se manteñan os prezos 

G24.gal 14/11/2023 14:45

Máis da metade dos condutores particulares elixiron este ano as gasolineiras de baixo custo, segundo os datos que manexa o sector. "Eu agora veño sempre aquí. Antes ía a outras, pero como aquí hai mellor prezo, pois veño". "Aquí está a 1,409. Vas a outro sitio, e 1,70 e pico", comentan dous clientes nunha gasolineira de baixo custo de Santiago.

Ata vinte céntimos por litro de aforro son os que observamos hoxe mesmo entre Cepsa e Ballenoil, a cadea low cost que acaba de adquirir. "Pode ser que repercuta no mercado, ao estar na man dunha empresa do nivel de facturación de Cepsa". "Eu espero que sigan mantendo os prezos, a verdade", apuntan dous clientes de Ballenoil no Pereiro de Aguiar.

Ante a caída da demanda, a primeira estratexia das grandes petroleiras foi adaptarse ao mercado, fidelizando clientes con ofertas especiais. Con este novo paso, Cepsa entra directamente no mercado da súa competencia.

"Este mercado, pola miña experiencia, está crecendo a pasos axigantados e non interesa volver atrás. Eu entendo que seguirá igual: boa calidade e prezos baratos", di María Gajardo, copropietaria da estación de Ballenoil no Pereiro de Aguiar.

Con esta compra, CEPSA pasa a ter máis de 2.000 gasolineiras na península, pero Ballenoil non desaparece como tal. Manterá o seu modelo de negocio e tamén a marca.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos