OPINIÓN

A Arxentina, obrigada a reinventarse, por Venancio Salcines

G24.gal 20/11/2023 10:23

Cinco veces máis grande, practicamente a mesma poboación, dedican máis esforzo que nós á educación (12,5 %) e á sanidade publica (16 %), pero teñen a metade de renda per cápita e multiplican por cinco a nosa taxa de homicidios. Están entre os corenta países máis corruptos do mundo e entre os peores en canto competitividade e dos máis complexos do mundo para facer negocios. Exportan máis que importan, ingresan doce mil millóns de dólares máis do que gastan en mercar no exterior e, con todo, nunca ten divisa.

A Arxentina ten que reinventarse, superar a súa división e deseñar un país novo, facer un novo campo de xogo económico. E non vale dicir "eu gañei as eleccións", porque a esperanza e a confianza do consumidor e do investidor non se mercan con bancadas no Congreso, nin sequera ostentando una presidencia. Os buques económicos so navegan en augas tranquilas e de ceo despexado.

A primeira misión é xerar espazos de consenso e a segunda, recoñecer que o investimento privado é necesario, sen el imposible o desenrolo económico e o Estado non é capaz de substituílo. Teñen que volver a gañar a confianza dos arxentinos e facelo co obxectivo de evitar ser un Estado frustrado. O sistema financeiro, o tributario, a loita contra a corrupción, as trabas burocráticas, o gasto público, todo ten que ser redeseñado e modificado co obxecto de que poida gañar a empatía da súa sociedade e con iso ir recuperando a estabilidade macroeconómica. Hoxe recorda máis a un enfermo que chega a unha UCI con todos os seus parámetros vitais descompensados. É bo recordar que os que aplican a fuga de divisas, os que afondan o valor do peso, que tanta inflación xera, son eles mesmos. Non observan futuro.

A Arxentina non poderá recuperarse con políticas de parte, terá que buscar os espazos de valor compartido e, como un neno que volve a nacer, ir paso a paso, demostrando que pode camiñar sen as alforxas que a puxo de xeonllos hai preto de trinta anos. Ten que volver camiñar, construír un Estado novo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade