Francia prohibirá fumar en praias, parques e bosques e ao redor dos colexios

O Goberno galo presentou o Plan Nacional contra o Tabaquismo, que subirá o prezo do paquete de cigarros e prohibirá os electrónicos refugables

G24.gal 28/11/2023 22:26

Amplíanse en Francia as prohibicións do tabaco en espazos públicos como as praias, os parques, os bosques e os arredores dos centros escolares. A medida enmárcase dentro dun plan que tamén prevé fortes subidas do prezo do paquete de cigarros nos anos vindeiros.

O ministro francés de Sanidade Aurelien Rousseau dixo: "As prohibicións de fumar e as subidas de prezo funcionan. Sobre iso hai consenso científico no mundo".

Rosseau presentou o novo Programa Nacional de Loita contra o Tabaquismo e anunciou que o prezo do paquete de cigarros, que agora se vende en Francia a 11 euros no caso das principais marcas, aumentará ata 12 euros a comezos de 2025 e a 13 euros durante 2026.

O aumento de prezos "é a medida máis eficaz contra o tabaco, segundo a OMS (Organización Mundial da Saúde) e segundo os principais estudos independentes", sinalou o ministro. Nese sentido destacou que as subidas dos últimos anos xa conseguiron que o hábito de fumar descenda tamén entre as categorías sociais menos favorecidas, algo que non ocorría anteriormente.

Outra das medidas deste programa antitabaco para o período 2023-2027 é a prohibición dos cigarros electrónicos refugables, que, segundo o ministro, son "unha aberración para a saúde e unha aberración para o medio ambiente". Rousseau ten intención de limitar os aromas deses dispositivos electrónicos e impoñer un formato neutro para evitar que as marcas tenten diferenciarse con formas atractivas.

O tabaco é a primeira causa de mortalidade evitable en Francia, a primeira de mortalidade por cancro e tamén a primeira de mortalidade para os menores de 65 anos. Atribúenselle 75.000 mortes ao ano, case una de cada oito.

O ministro de sanidade francés sinalou que o seu obxectivo é conseguir "unha xeración sen tabaco no horizonte de 2030-2032". Dixo que este novo plan será xa un logro se se conseguen reducir en 50 ou 100 ao día as mortes por tabaco.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade