Publicador de contidos

Publicador de contidos

Zelenski pide a entrada inmediata de Ucraína na OTAN

Zelenski pide a entrada inmediata de Ucraína na OTAN

A UE, a OTAN, O G7 condenan a anexión ilegal por parte de Rusia de catro territorios ucraínos

Biden di que axudará a Ucraína a recuperar as súas rexións

Reino Unido convoca o embaixador ruso para que dea explicacións

G24.gal 30/09/2022 16:41 Última actualización 30/09/2022 18:47

O presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, anunciou que este venres Ucraína presentará unha solicitude para ser admitida na OTAN polo procedemento de urxencia.

"Damos un paso decisivo ao asinar a solicitude de Ucraína para acceder á OTAN de forma acelerada", informou o mandatario a través da súa conta de Telegram.

A mensaxe coñeceuse despois que o presidente ruso, Vladimir Putin, asinase este venres a anexión a Rusia dos territorios ucraínos controlados por Moscova. 

Condena da anexión por parte da Unión Europea

A Unión Europea (UE) condenou hoxe “firmemente” a anexión ilegal por parte de Rusia de catro territorios ucraínos ocupados e asegurou que Ucraína ten dereito a defenderse e seguir loitando para a súa liberación e recuperación.

“Nunca recoñeceremos esta anexión ilegal. Estas decisións son nulas e non poden producir ningún efecto legal”, recalcaron.

Estados Unidos axudará a Ucraína a recuperar os seus territorios

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, condenou este venres o "intento fraudulento" de anexión de territorios ucraínos por parte de Rusia, país ao que acusou de "violar a lei internacional"

"Seguiremos axudando a Ucraína nos seus esforzos de recuperar o control sobre os seus territorios", dixo Biden.

Israel non recoñece as anexións

Israel, aliado de Rusia no conflito sirio, anunciou este venres que non recoñece a anexión das catro provincias dos territorios ocupados no leste de Ucraína.

"Israel apoia a soberanía e integridade territorial de Ucraína", indicou o Ministerio de Exteriores nun comunicado.

O Reino Unido convoca o embaixador ruso

O ministro británico de Exteriores, James Cleverly, convocou este venres ao embaixador ruso no Reino Unido, Andrei Kelin, para que dea explicacións pola "anexión ilegal" por Rusia de catro rexións ucraínas.

"Nunca recoñeceremos os resultados destes referendos ficticios nin de ningunha anexión de territorio ucraíno", declarou o ministro nun comunicado.

O G7 acusa a Putin de desprezar o dereito internacional

Os ministros de Exteriores do club de nacións industrializadas do G7 condenaron este venres a anexión por parte de Rusia dos territorios ucraínos baixo o seu control.

 "O evidente desprezo do dereito internacional por parte de Rusia toca fondo de novo", segundo un comunicado dos responsables diplomáticos de Estados Unidos, Reino Unido, Canadá, Xapón, Francia, Italia e Alemaña.

A OTAN di que seguirá apoiando a Ucraína

O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, asegurou este venres que a anexión dos territorios ucraínos “non cambia” o compromiso da Alianza de apoiar a Ucraína.

“Trátase do maior intento de anexión de territorio europeo pola forza desde a Segunda Guerra Mundial. Outro 15% do territorio de Ucraína, unha área aproximadamente do tamaño de Portugal, tomado ilegalmente por Rusia a punta de pistola”, declarou Stoltneberg nunha rolda de prensa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade