Zakaria Eddahchouri, hospitalizado logo de caer nunhas rochas no paseo marítimo
Tivo que ser rescatado polos bombeiros nunha despregadura que precisou a intervención do Helimer
Titular no partido entre o Deportivo e o Granada foi Zakaria Eddahchouri, que, horas despois, tivo que ser rescatado no paseo marítimo da Coruña. Ao parecer, o xogador trataba de facerse unha foto nunha zona do paseo marítimo cando caeu entre as rochas a iso das once da noite. Eddahchouri non era quen de saír por si mesmo. Mobilizáronse os bombeiros da Coruña, que finalmente conseguiron rescatalo, e o helicóptero Helimer.
O Deportivo sacou un comunicado no que confirmou que o xogador pasou a noite en observación nun centro hospitalario da Coruña. "O futbolista presenta lesións leves e está a ser atendido polo equipo médico correspondente", asegura a nota do club coruñés.