Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tras a súa visita á Casa Branca, Meloni recibe en Roma o vicepresidente estadounidense

Tras a súa visita á Casa Branca, Meloni recibe en Roma o vicepresidente estadounidense

Meloni é a primeira líder da Unión Europea coa que se reúne Donald Trump nesta guerra de aranceis e os Vinte e sete confiáronlle a tarefa de mediadora

G24.gal 18/04/2025 14:40

Italia e os Estados Unidos estreitan lazos. Agora é Georgia Meloni a que recibe o vicepresidente norteamericano. J. D. Vance e a súa familia están de visita cultural e relixiosa en Roma, en plena Semana Santa. Pero a viaxe tamén é o broche que confirma a sintonía entre os dous países.

Este xoves Donald Trump recibía a italiana na Casa Branca e, dende que chegou, todo foron boas palabras coa primeira ministra italiana, á que cualificou de "gran persoa" ou "amiga que todo o mundo quere".

Meloni é a primeira líder da Unión Europea coa que se reúne Donald Trump nesta guerra de aranceis e os Vinte e sete confiáronlle a tarefa de mediadora. "Fagamos Occidente grande de novo, podemos facelo xuntos", díxolle a líder italiana ó estadounidense. Meloni convidou a Trump a visitar Italia, e reunirse alí cunha delegación europea coa presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, para negociar un trato.

Pola súa parte, Donald Trump volveu sacar peito, pero sen concretar nada. "Todo o mundo quere facer un trato, e se non queren, faremos o trato por eles", dixo ante a prensa. Calcula incluso que haberá pacto coa China "en tres ou catro semanas".

Pero mentres tanto, o presidente chinés busca aliados polo Sudeste asiático. Xi Jinping concluíu este venres en Camboxa unha xira en que foi presentándose como un socio mellor e máis fiable que Washington.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade