Santiago segue os pasos de Coruña e inicia os trámites para ser declarada zona tensionada
Quere así regular o prezo do alugueiro, unha medida para frear a crise da vivenda
En Santiago hai unhas 10.000 vivendas en réxime de alugueiro
Esta declaración, que xa se aplica en cidades como Barcelona, supón bonificacións fiscais para os arrendadores
Santiago é a segunda cidade galega que pide regular o prezo da vivenda a través da declaración de zona tensionada.
"Son importantes os prazos, cremos que isto é unha urxencia, que isto chegue canto antes", explica a alcaldesa, Goretti Sanmartín.
Esta declaración trae consigo unha serie de bonificacións para os propietarios. En Santiago hai 10.000 vivendas en réxime de alugueiro.
"Os propietarios se baixan un cinco por cento o prezo da vivenda aos seus inquilinos, poderán ver ata un 95 por cento bonificadas esas rendas", di a ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez.
Acoutar o alugueiro e construír máis vivenda pública. A ministra confía en que todas as comunidades se sumen ao acordo estatal pola vivenda.
"Sobre todo pensando nos galegos e galegas que a Xunta participe tamén deste acordo", engade a ministra de Vivenda.
Desde a Xunta tenden a man e din que Galicia ten capacidade, e pide coñecer máis polo miúdo ese plan. A primeira reunión entre ambas administracións será o martes 24.
"Desde Galicia por suposto que temos que participar nese financiamento, somos unha comunidade comprometida e financeiramente capacitada para asumir eses compromisos", asegura a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue.
A ministra tamén anunciou que todas as vivendas que se van construír na parcela de Peleteiro, no centro de Santiago, serán públicas.