Feijóo acusa a Sánchez de tapar a corrupción coa DINA; o presidente censura que confíe máis nun delincuente confeso que na Aemet
Feijóo acusa a Sánchez de tapar a corrupción coa DINA; o presidente censura que confíe máis nun delincuente confeso que na Aemet
Feijóo acusa a Sánchez de tapar a corrupción coa DINA; o presidente censura que confíe máis nun delincuente confeso que na Aemet
Sánchez amósase disposto a crear unha comisión de investigación no Congreso, na que el mesmo participará, e apunta a Mazón: "Non fallou o estado autonómico, fallaron persoas que non estiveron á altura das súas responsabilidades"
O terceiro paquete de axudas aos afectados será aprobado este xoves nun Consello de Ministros extraordinario, e inclúe axudas directas de ata dez mil euros para a adquisición de vehículos
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou que mañá o Consello de Ministros aprobará, nunha reunión extraordinaria, o terceiro paquete de axudas aos afectados pola DINA de Valencia por valor de 2.274 millóns de euros.
Deles, 465 millóns destinaranse a renovar o parque automobilístico, moi danado pola catástrofe. De feito, hai máis de 120.000 vehículos destruídos nas principais zonas afectadas.
Neste senso, o presidente do Goberno anuncia axudas directas de ata dez mil euros que non terán que devolverse.
Este terceiro paquete completa o plan de resposta en tres fases do Goberno, do que ata o de agora se mobilizaron 14.373 millóns de euros.
Sánchez: "Non fallou o estado autonómico, fallaron persoas que non estiveron á altura das súas responsabilidades"
O presidente tachou de "falsas" as acusacións vertidas por PP e Vox sobre a xestión da DINA por parte do Goberno; asegura que o Executivo cumpriu desde o primeiro momento coas súas responsabilidades, "ségueo facendo e seguirao facendo todo o tempo que sexa necesario ata abordar a reconstrución das zonas afectadas".
Ao seu xuízo, non fallou o estado autonómico, "fallaron persoas que non estiveron á altura das súas responsabilidades".
O presidente do Goberno defende a creación dunha comisión de investigación no Congreso sobre a DINA, que debe servir, asegura, para "render contas" sobre o ocorrido.
O propio Sánchez amósase a disposto a participar na citada comisión de investigación, pero matiza que agora non é o momento de facelo. "Eu mesmo participarei, convencido de que esta rendición de contas lla debemos ás vítimas, ás xeracións futuras e tamén a nós mesmos pero, na miña opinión, aínda non é o momento".
"Se algúns queren buscar culpables, que os busquen, pero non sinalando os servidores públicos"
O presidente nega que houbese "algún apagamento informativo o día 29", defendeu a profesionalidade da Axencia Estatal de Meteoroloxía e da Confederación Hidrográfica do Xúcar e pediu que non se engane aos cidadáns.
"Se algúns queren buscar culpables, que os busquen, pero non sinalando os servidores públicos, que cumpriron co seu deber". Segundo explicou, "dicir o contrario é negar a evidencia, tirar balóns fóra, faltar á profesionalidade de centos de servidores que fixeron ben o seu traballo e cumpriron os protocolos".
Sánchez acode á Cámara Baixa despois de que xa compareceran ante o pleno outros membros do seu Executivo, como a xa exvicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica Teresa Ribeira, o ministro de Política Territorial e Memoria Democrática Ángel Víctor Torres e a ministra de Defensa Margarita Robles, esta última, ante o pleno do Senado.
Feijóo: "A xente non lle vai perdoar que non exercese as súas competencias, ten que pedir desculpas e non parapetarse detrás desta traxedia"
O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, acusou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de comparecer no Congreso un mes "tarde" para render contas sobre a DINA para "esconderse dos casos de corrupción que levan o seu nome" e "cubrirse de toda a peste de corrupción e mentiras que lle rodean".
Ao xefe do Executivo, Feijóo díxolle que "non calculou ben" e que "a xente non lle vai perdoar que non exercese as súas competencias, non lle vai perdoar o seu abandono" e engade: "o que ten que facer é pedir desculpas, devolver o que levaron e marchar, non parapetarse detrás desta traxedia".
Sánchez: "Se tan mal cre que o fai Mazón, por que non lle esixe que dimita?"
Na réplica, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, acusou o líder da oposición de ter unha "dobre vara de medir" e de dar máis credibilidade a un "delincuente confeso", en alusión a Víctor de Aldama, que á Axencia Estatal de Meteoroloxía.
Sánchez sinala o presidente da Generalitat valenciana, Carlos Mazón, como "o principal responsable da catástrofe", e pregúntalle a Feijóó: "Se tan mal cre que o fai Mazón, por que non lle esixe que dimita?".
Feijóo: "Non houbo prevención, non houbo humanidade e non hai vergoña"
O líder da oposición reprochoulle ao presidente do Goberno a falta de prevención pola paralización da drenaxe do barranco do Poyo "por cuestións ambientais e polo elevado custo, 35 millóns de euros, cando o ministerio gasta 42 en publicidade e 59 vostede en asesores".
"Non houbo prevención antes, non houbo humanidade durante e non hai vergoña nin despois da traxedia nin hoxe: falou vostede máis de min na réplica que do pobo valenciano", díxolle Feijóo a Sánchez. "Fala vostede de cobiza, cobiza é vivir nun palacio e facer negocios cun máster e levar os cartos para a casa", espetoulle en referencia á investigación á súa dona, Begoña Gómez.
Feijóo ratificou as súas declaracións no CECOPI en que defendía a Mazón porque tomara decisións baseándose na información achegada por organismos competencia do Estado. "Reitero todo o dito", afirmou.
"Os españois non merecen un Goberno que lles siga fallando e que queira sacar rédito político das catástrofes", concluíu.
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, recriminoulle a Feijóo os pactos asinados hai un ano con Vox e asegura: "Bótome a tremer se houbese dous gobernos do PP con Vox na Comunidade Valenciana e no Goberno de España! Imaxinan como xestionarían esta DINA? Sería aínda peor, señorías".
Sesión de control ao Goberno
Tras finalizar o debate pola comparecencia de Sánchez, a tensión non se relaxou no hemiciclo, xa que deu paso á sesión de control ao Goberno. Na súa intervención, Feijóo interpelou a Sánchez polas declaracións de Víctor de Aldama, o conseguidor da trama Koldo, de quen dixo que era "o seu delincuente".
"Vostede é xa só o número un desta trama", díxolle o presidente do PP a Pedro Sánchez.
Sánchez reprochoulle "darlle credibilidade a un delincuente confeso", e asegurou que non lle ía admitir leccións "de alguén que tivo como amigo un delincuente, a Marcial Dorado, un narcotraficante".
"Non pode dar leccións de nada cando vostede foi upado para tapar os casos de corrupción da presidenta da Comunidade de Madrid", asegurou Sánchez.
Poden seguir a sesión en directo a través de G24.gal.