Rueda salienta na Bienal de Pontevedra o papel de Galicia como referente cultural
O presidente da Xunta participou na apertura da 32ª edición do evento de arte contemporánea máis antigo de España
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou este sábado na apertura da 32ª edición da Bienal de Arte de Pontevedra, onde reivindicou o papel de Galicia como referente cultural internacional.
"Había que atreverse, ter unha ilusión e rodearse dos mellores para poder facelo e aquí temos o resultado", afirmou, destacando que a Bienal pretende "transformar a cultura nun espazo vivo, de interrogación e de reivindicación".
O encontro volve tras 15 anos de parénteses e regresa baixo o lema "Volver ser humanos... ante a dor dos demais", unha chamada á responsabilidade, á empatía e ao pensamento.
Ata o 30 de setembro expoñerase o traballo de 60 artistas galegos e internacionais, cuxas obras abordan temas como os conflitos bélicos, as migracións masivas ou o cambio climático, con proxectos que apelan á emoción e á reflexión colectiva.
Dixo que Pontevedra se vai converter nun centro de gravidade cultural durante os meses de celebración da Bienal, que integra no seu programa o Museo de Pontevedra, o Convento de Santa Clara ou a Illa das Esculturas.
Tamén sinalou a aposta pola extensión da cita a outras localidades como Vigo, Sanxenxo, O Grove ou Ponteareas, en liña cos obxectivos da Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia, que promove levar a cultura a todas as persoas e lugares.