Rafa Benítez: "Estamos dando pasos na dirección axeitada"
Quere centrarse na Liga pero sen perder de vista a Copa: "Sei o que significa gañar unha Copa para a afección"
Agarda incorporacións no mercado de fichaxes, pero que "non hipotequen o futuro do Celta"
O Celta afronta tres partidos nunha semana. Este sábado xoga diante do Mallorca e o mércores enfrontarase ao Valencia na Copa. Para o adestrador o torneo copeiro é moi importante porque "sei o que significa gañar un título para unha afección e que "se gañamos este sempre vai ser máis doado afrontar a Copa. Haberá máis euforia e confianza".
Tamén é consciente de que se "están dando pasos na dirección axeitada" logo de sumar unha única derrota nos últimos 8 partidos. Contra o Mallorca augura un encontro incerto: "Non sabes o que pode acontecer porque somos dous rivais moi parellos en rendemento".
Con 20 días por diante no mercado de fichaxes queda tempo para incorporar a peza (ou pezas) que completen o equipo. O adestrador teno claro: "Teño moita confianza en que se poida atopar algo, pero para isto está Marco Garcés" e que non vai asinar só mirando para os catro meses que quedan de competición: "Botei atrás xogadores que podían valer a curto prazo pero eran unha hipoteca no longo prazo".