Quique Setién regresa á primeira liña para dirixir o Vilarreal
Estará acompañado por Fran Soto e Ramiro Amarelle, cos que coincidiu no Lugo
O substituto de Unai Emery no Vilarreal será Quique Setién. O adestrador cántabro comprometeuse co club castellonenco ata o 30 de xuño do 2024, segundo anunciou esta tarde o Vilarreal. Setién dirixirá o mércores o primeiro adestramento co seu novo equipo e o xoves estrearase no partido de Conference League.
Setién (64 anos) non adestraba desde a desfeita do Barcelona na Champions da pandemia ante o Bayern (2-8). Como adestrador converteuse nun referente no fútbol español grazas ao Lugo, onde estivo durante seis temporadas e ao que conseguiu ascender á Segunda División. O gran traballo no Anxo Carro propiciou as súas fichaxes posteriores pola Unión Deportiva As Palmas e o Real Betis.
Despedida de Unai Emery
Unai Emery despediuse do Vilarreal para marchar ao Aston Villa. O técnico estivo acompañado por toda a directiva, co presidente Fernado Roig á fronte. Emery ficha por cinco temporadas e cobrará sete millóns de euros por cada unha. Como indemnización, o Villarreal recibe seis millóns.
O presidente desexoulle o mellor para o seu futuro na Premier League, aínda que dixo que deixa o Villarreal a contrapé. Emery asegurou que era unha oferta que como profesional tiña que aceptar.