Quedan dous días de máscara, despois de máis de 700 de uso obrigado en interior
Haberá excepcións que obrigan a levala aínda no transporte público, en ámbitos sanitarios e nas visistas aos maiores das residencias
O Consello de Ministros deste martes aprobará que o uso da máscara deixe de ser obrigatorio en interiores. Unha medida que se toma despois de 700 días co deber de poñela cada vez que entrabamos nun local. A restrición, imposta o 21 de maio de 2020, levántase por fin a partir do mércores 20 de abril de 2022.
Haberá que esperar ao BOE para ver as circunstancias concretas, pero en principio xa sabemos que debemos mantela nos ámbitos sanitarios, tamén na farmacia, no transporte público e para visitar residencias de maiores.
A maioría de expertos cren que é bo momento para dar o paso. Din que retirala é prudente e aseguran que, por exemplo, na hostalería o seu uso está sendo máis cosmético que real, e que isto non está a supoñer un problema.
"Non podemos impoñer unhas medidas restritivas e perpetualas, porque non é necesario. Eu creo que chegou o momento de pasar da obriga á recomendación", explica o inmulógo do CHUS José Gómez Rial.
Recomendan, iso si, que a sigan usando os vulnerables -a ser posible FFP2- e que a utilicemos sempre cando teñamos unha infección respiratoria, sexa gripe, covid ou catarro.