Putin ordena destruír as forzas ucraínas en Kursk, onde Rusia recuperou o 86 % do territorio
Segundo o Kremlin, só nos últimos cinco días as tropas rusas liberaron 24 localidades e 259 quilómetros cadrados de territorio da rexión de Kursk
Afirmou que no futuro haberá que pensar na creación dunha zona de seguridade ao longo da fronteira ruso-ucraína

O presidente de Rusia Vladimir Putin encargou ao exército esmagar as Forzas Armadas de Ucraína que aínda permanecen na rexión rusa de Kursk, onde Rusia recuperou o 86 % do territorio ocupado polo inimigo.
"Confío en que todas as misións que teñen por diante as nosas unidades de combate se completen incondicionalmente e que o territorio da rexión de Kursk quede completamente liberada do inimigo nun futuro próximo", dixo Putin ao visitar o posto de mando das tropas rusas en Kursk.
A tarefa das tropas rusas consiste agora en destruír "o máis axiña posible" o inimigo atrincheirado aínda en Kursk, dixo.
"A súa tarefa é nun futuro próximo, o máis axiña posible, destruír completamente o inimigo que se atrincheirou no territorio da rexión de Kursk e levar a cabo operacións militares para liberar todo o territorio da rexión", sostivo.
O xefe do Kremlin, que visitou Kursk por primeira vez desde o inicio da operación militar ucraína, agradeceu ao exército polo avance da contraofensiva en marcha e afirmou que no futuro haberá que pensar na creación dunha zona de seguridade ao longo da fronteira ruso-ucraína.
O xefe do Estado Maior do Exército ruso, Valeri Guerasimov, dixo que os militares xa recuperaran o control sobre o 86 % do territorio de Kursk e que a operación de expulsión do inimigo seguía en marcha.
Segundo Guerasimov, só nos últimos cinco días as tropas rusas liberaron 24 localidades e 259 quilómetros cadrados de territorio da rexión de Kursk.
"En total, durante as operacións ofensivas foron liberados máis de 1.100 quilómetros cadrados de territorio, o cal representa máis do 86 % da área previamente ocupada polo inimigo", asegurou o mando militar.
Guerasimov afirmou que durante a operación de Kursk, o inimigo perdeu máis de 67.000 militares das súas unidades máis adestradas e motivadas, e tamén mercenarios estranxeiros.
Os rusos lograron chegar á retagarda das tropas ucraínas a través de 14 quilómetros de tubaxes no gasoduto Urengoi-Pomari-Uzhgorod. Para iso os soldados permaneceron seis días baixo terra nunha operación tachada xa de histórica por algúns funcionarios rusos.
No marco da primeira rolda de negociacións cos Estados Unidos en Arabia Saudita, Ucraína aceptou o martes unha tregua de 30 días ao longo de toda a fronte coa condición de que Rusia tamén acate o cesamento do fogo.
"Ucraína acepta esta proposta. Consideramos que é positiva. Estamos preparados para dar este paso", dixo onte á noite o presidente ucraíno Volodimir Zelenski.
Zelenski asegurou no seu momento que Kiev podería utilizar Kursk como moeda de cambio, o que se converteu para Moscova nun claro obstáculo para unhas futuras negociacións de paz.