Póker goleador do Deportivo no primeiro amigable da pretemporada
Yeremay, Mario Soriano e Barbero marcaron na primeira media hora e Pablo Muñoz completou o resultado no treito final ante o Ourense C. F.
O Deportivo impúxose no primeiro amigable da pretemporada ante o Ourense Club de Fútbol. Imanol Idiakez dispuxo dous equipos diferenciados e buscou darlle minutos a todo o cadro nunha xornada marcada pola calor abafante na cidade das Burgas, máis de 35 graos ao comezo do encontro.
No tocante ao marcador, o partido quedou resolto antes do minuto trinta de partido. Yeremay, Mario Soriano e Barbero acertaron coa porta ourensá e puxeron o 0-3 ao descanso. Na segunda metade, o equipo que puxo o adestrador do Deportivo estaba cheo de xogadores con ficha do filial (Alberto, Pablo García, Marotías, Pablo Muñoz, Rubén López, Martín Ochoa) e houbo menos ocasións. Pablo Muñoz foi o que pechou o marcador na parte final.