Paso de xigante do Ourense C. F. á procura da permanencia
Gañou no difícil campo do Real Avilés por un contundente 0-3
O Ourense C. F. deu un paso de xigante para a permanencia nun campo en que poucos agardaban que conseguise un triunfo. Diante dun Real Avilés que se amosou ao longo de toda a temporada como un dos equipos máis sólidos como local conseguiu gañar por un claro e contundente 0-3.
Foi o mellor partido dos de Rubén Domínguez durante a temporada. Moi serios en defensa, impedindo o xogo ofensivo do Avilés e lanzando contras perigosas. Así chegou o primeiro gol do partido, no minuto 37 cando Amin culminou unha desas rápidas accións.
No segundo tempo o equipo local botouse arriba para igualar rápido e asegurar o posto na fase de ascenso. O Ourense C. F. aguantou e deu o golpe de graza co tanto de Jerín á saída dun córner. Noutro balón parado o central Ebuka marcou o terceiro e meteu moita presión aos seus rivais directos para evitar o descenso.