Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os proeuropeos gañan as parlamentarias moldovas e reteñen a maioría absoluta

Os proeuropeos gañan as parlamentarias moldovas e reteñen a maioría absoluta

O líder da oposición prorrusa chamou a manifestarse fronte ao Parlamento tras non dar por válidos os resultados

A UE destaca que Moldova elixiu futuro europeo fronte á inxerencia rusa nas urnas, mentres que o Kremlin denuncia que centos de miles de moldovos non puideron votar

A presidenta moldova Maia Sandu (Europapress) A presidenta moldova Maia Sandu (Europapress)
G24.gal 29/09/2025 11:03 Última actualización 29/09/2025 12:16

O europeísta Partido Acción e Solidariedade (PAS), da presidenta moldova, Maia Sandu, gañou as parlamentarias celebradas o domingo co 50,16 % dos votos, segundo os resultados ofrecidos este luns pola Comisión Electoral Central (CEC) tras o escrutinio do 99,91 % dos votos emitidos. En segundo lugar situouse o prorruso Bloque Electoral Patriótico (BEP), co 24,19 % dos sufraxios.

Outras tres formacións, o bloque Alternativa (7,97 %), o Partido Noso (6,2 %) e Democracia na casa (5,72 %) accederán á repartición proporcional dos 101 escanos que conforman do Parlamento moldovo.

O voto exterior foi decisivo para a maioría absoluta do PAS, xa que obtivo o 78,51 % de 276.391 votos emitidos fóra do país.

Con estes resultados, o PAS conseguiría 55 escanos, oitos menos ca nas pasadas parlamentarias, pero máis que suficientes para gobernar en solitario. O bloque prorruso faríase con 26 escanos.

O Bloque Electoral Patriótico (BEP) non recoñecerá os resultados das eleccións parlamentarias celebradas este domingo en Moldova ata que se estuden todas as irregularidades, anunciou hoxe o seu líder, o prorruso Igor Dodon. "Mentres todas as denuncias non sexan estudadas, non recoñeceremos os resultados das eleccións", aseverou Dodon nunha manifestación convocada fronte ao Parlamento.

Rusia denuncia que centos de miles de moldovos non puideron votar

O Kremlin denunciou hoxe que "centos de miles" de moldovos que residen en Rusia non puideron votar nas parlamentarias celebradas este domingo en Moldova. "Polo que vemos e sabemos, podemos confirmar que centos de miles de moldavos víronse privados da oportunidade de votar en Rusia debido a que só dous colexios electorais estaban abertos para eles", dixo o portavoz da Presidencia rusa, Dmitri Peskov, na súa conferencia de prensa telefónica diaria.

Ao mesmo tempo, sinalou que Moscova se absterá de momento de valorar os resultados dos comicios moldovos. "As valoracións haberá que facelas despois de que vexamos a postura que adoptan as forzas políticas (moldovas) fronte a estas eleccións", dixo Peskov. Agregou que Moscova sabe que "algunhas forzas políticas falan de posibles irregularidades nos comicios". "Iso é o que oímos e por iso sería incorrecto que désemos valoracións gratuítas", remarcou o portavoz. 

A UE destaca que Moldova elixiu futuro europeo fronte a inxerencia rusa nas urnas

 A Unión Europea asegurou este luns que Moldova elixiu “un futuro europeo” fronte “á inxerencia de Rusia” nas eleccións lexislativas do domingo, nas que triunfou o partido da presidenta proeuropea do país, Maia Sandu.

“O pobo de Moldova pronunciouse e a súa mensaxe é alto e claro. Elixiu a democracia, a reforma e un futuro europeo, fronte á presión e a inxerencia de Rusia”, recalcou o presidente do Consello Europeo, António Costa, a través dunha mensaxe publicada en redes sociais. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos