Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os EUA interceptan outro petroleiro no Caribe sospeitoso de levar cru venezolano

G24.gal 09/01/2026 16:51 Última actualización 09/01/2026 17:29

Forzas conxuntas dos Estados Unidos interceptaron este venres ao petroleiro Olina en augas do Caribe, nunha acción coordinada entre o departamento de Defensa e o de Seguridade Nacional (DHS), informou o Comando Sur.

A operación, que se realizou antes do amencer, contou coa participación de infantes de Mariña que partiron en helicópteros desde o portavións USS Gerald R. Ford para executar a abordaxe.

Nun comunicado, o mando estadounidense asegurou que a acción envía unha "mensaxe clara" de que "non existe refuxio seguro para os criminais", no marco dos esforzos de Washington para combater "actividades ilegais transnacionais" no hemisferio occidental, aínda que non precisaron o número de detidos e subliñaron que a operación se desenvolveu sen resistencia.

Noutro comunicado en X, a secretaria de Seguridade Nacional, Kristi Noem, describiu ao Olina como parte da chamada "frota pantasma", composta por petroleiros sospeitosos de transportar petróleo sometido a embargo que tentan evadir ás forzas estadounidenses mediante cambios de bandeira ou rotas clandestinas.

Segundo Noem, o buque, "sospeitoso de transportar petróleo sometido a embargo", "partira de Venezuela antes de ser interceptado".

A operación contou coa coordinación da Southern Spear, unha iniciativa para "reforzar a seguridade marítima, frear o tráfico ilícito e apoiar ás axencias civís encargadas da aplicación da lei, especialmente en rotas do Caribe e América Latina".

Os Estados Unidos intensificaron nos últimos días a súa presenza naval e aérea no Caribe, e o mércores requisou outros dous petroleiros ligados a Venezuela, un deles con bandeira rusa.

Ese día, o Pentágono confirmou a incautación do petroleiro Marinera, antes coñecido como Bella 1, buque que Washington perseguiu desde o Caribe ata o Atlántico norte durante tres semanas.

A Garda Costeira estadounidense tamén interceptou o M/T Sophia, petroleiro sancionado que, segundo Washington, operaba ilicitamente en augas internacionais.

Funcionarios do Pentágono sinalaron que a Operation Southern Spear non é temporal e que continuará desenvolvéndose mentres sexa necesario para, segundo dixeron, protexer o territorio estadounidense e restaurar a seguridade no hemisferio occidental.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade