O temporal remite os seus efectos en Galicia á espera dunha nova "profunda" borrasca

O vento continúa azoutando a costa galega, con refachos máximos por encima dos 100 quilómetros por hora en Cedeira

Meteogalicia activará a partir das 18:00 horas un aviso laranxa por choiva acumulada de máis de 80 l/m2 no interior pontevedrés

G24.gal 03/11/2023 12:20 Última actualización 03/11/2023 15:10

Os efectos do temporal Ciarán sobre Galicia remitiron nas últimas horas, malia que aínda se deixa notar con vento que superou os 100 quilómetros por hora en puntos montañosos e da costa, que continúa en máxima alerta por vento e ondada.

Á espera da entrada dunha nova "profunda" borrasca denominada Domingos, que afectará o noroeste peninsular durante a fin de semana, o peor de Ciarán pasou xa por Galicia, pero mantéñense fortes refachos de vento e choiva puntualmente intensa por toda a comunidade.

Toda a costa galega mantense en máximo nivel de risco ante unha inestabilidade que deixou ondas de máis de 9,5 metros en Estaca de Bares e de 8,7 metros tanto en cabo Silleiro como en cabo Vilán, segundo a información recollida nas boias de Portos do Estado. A ondada tamén foi especialmente intensa no litoral, onde o porto exterior da Coruña rexistrou picos máximos de 7,5 metros, valores similares aos captados fronte a Oia.

O vento continúa azoutando a costa galega, con refachos máximos por encima dos 100 quilómetros por hora en Cedeira.

Un dos máis graves rexistrouse á beira da ría de Foz, onde tiveron que cortar unha rúa debido á caída dun muro de pedra duns 30 metros de longo. A pesar da aparatosidade da incidencia, por sorte non houbo que lamentar feridos. 

A causa do temporal, a frota de baixura permanece amarrada nos portos mariñaos. Con este, xa son tres días consecutivos sen poderen saír ao mar.

No interior tamén se deixan notar. O valor máximo captado por Meteogalicia volveu ser en Muras, cos 112 km/h que sopraron ás 06:20 horas deste venres.

Cortes de electricidade e árbores caídas nas estradas comarcais no Deza

Os servizos de emerxencia tiveron traballo abondo para arranxar os danos que deixou Ciarán, sobre todo no rural, con árbores de grandes dimensións total ou parcialmente rotas e caídas, atrancando estradas e camiños, regueiros e sumidoiros que cumpriu desatascar de follas e pólas, algunhas inundacións locais e tendidos eléctricos con cables tocados como nos explicou 
Juan José Muñoz, xefe do parque de bombeiros do Deza-Tabeirós.

Troncos voluminosos amoréanse, esta mañá xa cortados, ao carón das estradas coma este na parroquia de Laro, que interrompeu unhas horas a comarcal que vai do cemiterio á aldea, co conseguinte atranco para a veciñanza e mais para o repartimento de pan, de queixos ou a recollida do leite, segundo relata a veciñanza.

A subministración eléctrica viuse cortada nalgúns lugares polas árbores tombadas sobre os cables. En Vila de Cruces afectou uns 500 veciños. Tamén fallou en Lalín e en Silleda varias aldeas sufriron baixadas puntuais de tensión. Na propia vila houbo varios cortes de electricidade ao longo da tarde, dous cortes de dez minutos que deixaron Silleda ás escuras.

Na maior parte das estradas comarcais do Deza os regueiros atravesan o firme ou enchen canta fochanca hai e as beiras, incapaces de asumir tanta auga que caeu toda a última semana.

Chega Domingos

A chegada da borrasca Domingos volverá manter en alerta vermella toda a costa galega por ondas de máis de oito metros de altura. O vento azoutará o litoral coruñés e A Mariña con refachos de máis de 100 quilómetros por hora que tamén se esperan na Montaña de Lugo. O resto de Galicia estará en aviso amarelo por vento e Meteogalicia manterá outra alerta do mesmo nivel por choiva en toda a comunidade, salvo no interior pontevedrés, no que será dun nivel máis de intensidade

Tras os efectos dos temporais e ante a previsión de novos danos pecháronse varias instalacións deportivas de Vigo entre elas: as pistas de tenis de Samil e a piscina e o ximnasio do complexo do Carme, nesta zona das Travesas tamén se pecharon as rúas de acceso desde a Gran Vía. Tamén se están tomando precaucións nos portos deportivos da Ría de Vigo reforzando os amarres e os achiques e avisando tamén aos propietarios para que tomen precaucións.

Malia todo, o importante é a revisión diaria das instalacións que co tempo e a forza das mareas se van danando. Tamén para evitar os danos dos temporais 17 buques buscaron refuxio entre as rías de Pontevedra e Vigo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar