O Rácing regresa á Segunda pola porta grande cun triunfo en Elxe (0-1)
Gran gol de Íker Losada en lanzamento de falta ao pouco de comezar a segunda parte
O Rácing volveu á Segunda quince anos despois cun triunfo de prestixio no campo dun recén descendido de Primeira, o Elxe (0-1). Chegou cun tanto de Íker Losada de falta directa ao pouco de comezar a segunda parte.
O equipo local empezou con moita forza, presionando arriba e xerando perigo sobre a porta de Cantero. Nico Fernández e Boyé gozaron das mellores ocasións. Ata o minuto 20 non se viu o Rácing no partido, pero conseguiu aguantar o seu rival e chegar ao descanso con empate.
Na primeira metade faltara pegada, pero o segundo tempo foi de cor verde. Aos cinco minutos Losada sorprendeu cunha falta desde 25 metros que superou a Badía. Lonxe de virse atrás para manter o resultado o Rácing foi o equipo que puido aumentar a vantaxe. Chuka (53'), Sabin (62') ou Manu Justo (74') tiveron nas súas botas o segundo gol.
O Elxe moveu o banco, incomodou a área do Rácing, pero amosouse incapaz de marcar un gol ao equipo de Cristóbal Parralo.