Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PSOE rexistra unha comisión de investigación no Congreso e o PP outra no Senado

O PSOE rexistra unha comisión de investigación no Congreso e o PP outra no Senado

Podemos tamén impulsa outra comisión porque considera que a do PSOE "queda curta"

O xuíz cita a Juan Carlos Cueto, presunto responsable da empresa do caso Koldo

G24.gal 27/02/2024 10:46 Última actualización 27/02/2024 15:24

O PSOE rexistrou no Congreso a solicitude dunha comisión de investigación para esclarecer "os feitos, responsabilidades e ensinos" sobre a contratación de material sanitario na pandemia que realizou a Administración do Estado e os seus distintos organismos e outras administracións públicas.

No marco do caso Koldo García, o exasesor do que foi ministro socialista José Luis Ábalos, a comisión tamén quere estudar e valorar "posibles modificacións da lexislación estatal en materia de contratación pública para evitar que aparezan irregularidades no futuro". Deste xeito, de acordo co escrito de solicitude ao que tivo acceso EFE, investigaranse os procedementos de contratación levados a cabo nas diferentes Administracións públicas.

Segundo o texto, resulta "intolerable sempre calquera irregularidade ou delito na contratación pública, pero especialmente reprochable o aproveitamento para lucro persoal daquel drama da pandemia" que causou a morte a tantas persoas.

No Grupo Mixto do Congreso están á expectativa, aínda que deputados como o do BNG non ven lóxico que José Luis Ábalos acabe na súa bancada. "A verdade é que no Grupo Mixto xa estamos ao completo", chanceaba esta mañá Nestor Rego ante as preguntas dos xornalistas. O nacionalista cre que Ábalos debería renunciar á acta, e vai votar a favor da comisión de investigación que impulsa o PSOE.

Pero esa comisión que non convence a todos. Podemos cre que "a Comisión do PSOE queda curta", segundo o seu deputado Javier Sánchez Serna. Os morados propoñen outra comisión, que investigue os contratos na pandemia de todas as administracións, non só a central.

Sumar apoiará no Congreso todas as iniciativas que se presenten. O seu voceiro Íñigo Errejón avoga por chegar "ata o final con todas as investigacións". No executivo, Sumar pecha filas co socio da coalición. O ministro de Cultura Ernest Urtasun cre que "todo o Goberno está comprometido na loita contra a corrupción e iso é inquebrantable".

Para a voceira de Vox, Pepa Millán, esa comisión de investigación é "unha farsa" e cre que "ten que dimitir Ábalos e todo o Goberno".

O PP cualifícaa de "cortina de fume" e vai esixir as comparecencias de Sánchez, da presidenta do Congreso e de varios ministros na comisión de investigación que impulsa o partido na outra cámara, no Senado.

Para Miguel Tellado, voceiro do PP no Congreso, "o PSOE pretende facer crer que poderá dar carpetazo a todo este escándalo coa saída de Ábalos do Congreso ou do Grupo Socialista, pero o caso Sánchez non remata aquí, só empeza aquí".

O xuíz cita a Juan Carlos Cueto, presunto responsable da empresa do caso Koldo

O xuíz do caso Koldo, Ismael Moreno, chamou a declarar como imputado este mércores ao empresario Juan Carlos Cueto, un dos principais investigados nesta trama de corrupción de cobranza de comisións ilegais derivadas da compra de máscaras.

O maxistrado da Audiencia Nacional citoulle ás 9:30 horas ao atoparse Cueto a semana pasada fóra de España cando se practicaron as vinte detencións na Operación Delorme, entre elas a de Koldo García, o que foi asesor do exministro de Transportes e ex número 3 do PSOE, José Luis Ábalos.

Cueto -que xa estaba a ser investigado na Audiencia Nacional polo caso Defex- era a persoa que, supostamente, controlaba a estrutura da sociedade Soluciones de Xestión, á que se adxudicaron os contratos investigados por un total de 54 millóns de euros, xunto a outro dos presuntos xefes da trama, o presidente do Zamora C. F., Víctor de Aldama.

Nunha conversación captada pola UCO da Garda Civil o pasado 4 de decembro, Cueto e outro dos empresarios vinculado a Solucións de Xestión, Íñigo Rotaeche, falan de "un favor" que lle pediría Koldo García e o seu "ex-xefe", sen especificar de quen se trata pero que se cre que podería aludir ao exministro José Luis Ábalos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade