Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os EUA completan a primeira venda de cru venezolano tras a caída de Maduro

Os EUA completan a primeira venda de cru venezolano tras a caída de Maduro

O prezo do petróleo modera a súa caída ao reducírense os temores dun ataque inminente dos Estados Unidos contra Irán

Donald Trump e María Corina Machado xantarán este xoves na Casa Branca

Planta de tratamento de cru pesado operada pola compañía petroleira estatal venezolana no estado de Anzoategui (REUTERS/Carlos Garcia Rawlins) Planta de tratamento de cru pesado operada pola compañía petroleira estatal venezolana no estado de Anzoategui (REUTERS/Carlos Garcia Rawlins)
G24.gal 15/01/2026 08:50

Dúas semanas despois da incursión militar que supuxo a caída do presidente venezolano, Nicolás Maduro, os Estados Unidos completan a primeira venda de petróleo venezolano. Fixérono por valor de 500 millóns de dólares, preto de 430 millóns de euros.

O prezo do barril de cru Brent, de referencia e Europa baixaba este xoves arredor dun 3,4 %, ata cotizar en 64,26 dólares, mentres que a variedade West Texas Intermediate (WTI), de referencia para os Estados Unidos, abaratábase un 3,35 %, ata situarse en 59,94 dólares.

O Brent pon fin así a cinco sesións á alza motivadas pola inquietude de que os Estados Unidos realicen unha ofensiva contra o réxime de Teherán. Con todo, as caídas moderáronse despois de que o presidente,  Donald Trump, dixese nas últimas horas que recibiu garantías de que se detiveron as execucións de manifestantes en Irán.

Trump e Machado comparten mesa e mantel dúas semanas despois da caída de Maduro

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, e a líder opositora venezolana e Premio Nobel da Paz, María Corina Machado, xantarán este xoves na Casa Branca para abordar a situación en Venezuela tras a captura de Nicolás Maduro.

Segundo a axenda oficial do mandatario estadounidense, o xantar celebrarase ás 12:30 hora de Washington (17:30 GMT) nun comedor privado da Casa Branca e desenvolverase a porta pechada, sen acceso para a prensa.

O encontro, o primeiro entre ambos, producirase menos de dúas semanas despois de que os Estados Unidos depuxesen a Maduro durante un ataque en Venezuela rexistrado o pasado 3 de xaneiro, no que foron capturados o líder chavista e a súa esposa, Cilia Flores, e trasladados a Nova York para ser xulgados por narcotráfico.

Ata o de agora, Trump excluíu a Machado e á oposición venezolana do proceso de transición en Venezuela, onde a vicepresidenta, Delcy Rodríguez, asumiu o poder como presidenta encargada co aval de Washington.

Machado manifestou publicamente o seu desexo de compartir o Premio Nobel da Paz con Trump, quen aspira a obter ese galardón, como un intento de achegar posicións co mandatario, aínda que o Comité do Nobel advertiu que o premio é intransferible.

A reunión celebrarase un día despois de que Trump e Delcy Rodríguez mantivesen unha conversación telefónica na que abordaron asuntos relacionados con petróleo, minerais, comercio e seguridade.

Segundo a presidenta encargada, a chamada foi "longa, produtiva e cortés", e desenvolveuse "nun marco de respecto mutuo". O republicano afirmou que Rodríguez é unha "persoa fantástica" e que se está logrando un "progreso tremendo" para estabilizar Venezuela. Segundo Rodríguez, o seu Goberno liberou nos últimos días 406 presos políticos nun proceso de excarceración que continúa aberto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade