Publicador de contidos

Publicador de contidos

O debate de investidura de Rueda será entre o 10 e o 12 de maio

O debate de investidura de Rueda será entre o 10 e o 12 de maio

O presidente do Parlamento confirma que a toma de posesión de Rueda como presidente da Xunta será o 14 de maio

Santalices considera un "exemplo de coordinación" e de "cronograma perfecto" a remuda de Alberto Núñez Feijó á fronte da Xunta e do PPdeG

G24.gal 30/04/2022 10:01

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, confirma na Radio Galega que o debate de investidura de Alfonso Rueda como presidente da Xunta será o 10 e o 12 de maio e a toma de posesión -unha vez cumprimentados os requisitos-, o sábado 14 de maio. 

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, Santalices confirma que este luns 2 de maio iniciará a rolda de consultas cos grupos parlamentarios para que fagan a súa proposta de candidato ou candidata á presidencia da Xunta logo da renuncia de Alberto Núñez Feijóo, recollida xa tanto no BOE coma no DOG. Unha vez oídas as propostas, aseguraba Santalices, haberá reunión da Mesa do Parlamento e logo unha xunta de voceiros -xa convocada para o 5 de maio- na que se ordenará o debate de investidura. 

"O día 5 si se vai ordenar xa o debate dos plenos que han de celebrarse o día 10 e o día 12,  que son os plenos do debate de investidura" 

Segundo detallou Santalices, unha vez se produza a votación o 12 de maio, hai que publicar a elección no boletín tanto do Parlamento, coma no DOG e no BOE, darlle traslado ao xefe do Estado e iniciar "a toma de posesión que está prevista para o sábado día 14". 

Remuda no PPdeG

A remuda Núñez Feijóo non só se producirá na Xunta senón tamén no seo do PPdeG, para o que xa está convocado un congreso extraordinario os vindeiros 21 e 22 de maio en Pontevedra. Alfonso Rueda xa foi proclamado único candidato a presidir o partido. Un proceso, aseguraba Santalices, que "vai selar o que necesitamos", que é "coller forza e unidade para afrontar o próximo reto que temos por diante, que é gañar as próximas eleccións autonómicas", logo da marcha de Núñez Feijóo, proceso para o que Santalices asegura ver "preparado" todo o equipo. Para Santalices, as remudas que se están vivindo en Galicia están sendo un exemplo de "coordinación"

"Un bo exemplo de como preparar un cronograma perfecto nun trámite tan complexo como é a sucesión dun presidente dunha comunidade autónoma. Creo que é un exemplo de coordinación". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade