Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno volve aprobar a senda de estabilidade para ter presupostos "canto antes"

O Goberno volve aprobar a senda de estabilidade para ter presupostos "canto antes"

A senda de estabilidade é idéntica á tombada a semana pasada polo PP no Senado

Pilar Alegría, Óscar Puente e Isabel Rodríguez, na conferencia de prensa tras o Consello de Ministros (EFE/ Rodrigo Jiménez)
G24.gal 13/02/2024 13:13

O Consello de Ministros aprobou este martes unha nova senda de estabilidade, idéntica á tombada a pasada semana polo PP no Senado, co que avanza nos trámites previos á elaboración do proxecto orzamentario para 2024 que o Goberno quere presentar canto antes.

A portavoz do Goberno, Pilar Alegría, apuntou na conferencia de prensa posterior ao Consello que o Executivo "non perde o tempo" e traballa para "contar canto antes cuns orzamentos" para que o país avance no crecemento e a creación de emprego.

Alegría afeou ao PP que tombase a primeira senda, que daba maior flexibilidade orzamentaria a rexións e concellos, "prexudicando aos cidadáns das comunidades autónomas onde goberna".

Tras o rexeitamento da primeira senda, o Goberno tiña un mes para presentar unha nova, que segundo fontes do Ministerio de Facenda é igual á anterior e que todo apunta a que volverá ser rexeitada polo Senado, onde o PP ten maioría absoluta.

O Goberno defende que, de acordo a un informe da Avogacía do Estado que non se fixo público, unha vez presentada esta segunda senda e aínda que non sexa aprobada en Cortes xa pode elaborar o proxecto orzamentario, aínda que baseado nos obxectivos de déficit remitidos a Bruxelas en abril máis estritos. 

O PP cargou contra este "informe inexistente" da Avogacía do Estado mencionado por Facenda que lle asegura a tramitación das contas públicas en 2024. Pero fontes do Departamento que dirixe María Jesús Montero aseguraron a Europa Press que este informe se coñecerá no caso de que o PP rexeitase por segunda vez os obxectivos.

A senda de estabilidade prevé reducir o déficit público ao 3 % do PIB este ano, cumprindo as regras fiscais europeas, para despois baixar ao 2,7 % do PIB en 2025 e o 2,5 % en 2026. A débeda baixará ao 106,3 % do PIB en 2024, o 105,4 % do PIB en 2025 e o 104,4 % do PIB en 2026.

A senda vai acompañada polo límite de gasto non financeiro ou teito de gasto para 2024, que non se somete a votación, e que ascende a 199.120 millóns de euros unha vez incluídos os fondos europeos, un 0,5 % máis que en 2023.

A senda de estabilidade proposta polo Goberno recolle o mesmo dato de déficit público para 2024 que a referencia remitida a Bruxelas en abril, un 3 % do PIB, pero dá maior flexibilidade a comunidades autónomas (unha décima de déficit en lugar de equilibrio) e concellos (equilibrio en lugar de dúas décimas de superávit). 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos