Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Fabril suma a segunda vitoria consecutiva na casa do Raio Cantabria (1-2)

O Fabril suma a segunda vitoria consecutiva na casa do Raio Cantabria (1-2)

Nsongo e Guerrero anotaron os goles coruñeses. Ángel Pérez descontou para os locais

Foto: @DeporCanteira
G24.gal 26/10/2024 14:48

O Deportivo Fabril afastou definitivamente a súa mala serie de resultados cunha gran semana, que comezou cunha goleada sobre o Escobedo en Abegondo, e tivo continuidade este mediodía na casa do Raio Cantabria (1-2). Dous encontros nos que os de Óscar Gilsanz marcaron seis goles e non encaixaron ningún.

O partido do Astillero comezou de cara para os coruñeses, cun golazo de Nsongo Bil. O dianteiro rematou de volea un pase coa cabeza de Kike Fernández, na segunda acción á saída dun saque de banda. O filial conservou a vantaxe, que lle permitía adiantar na clasificación aos cántabros, e aproveitou unha acción aos 58 minutos para ampliala, cortando o intento de reacción local. Foi por medio de Guerrero, despois dun balón longo do porteiro Alberto, que aproveitou Noé para deixar completamente só o seu compañeiro.

O Raio Cantabria non se deu por vencido. Aos 71 minutos, ía anotar por medio de Ángel Pérez que, en acción persoal, marcaba pola escuadra de Alberto. 1-2 con vinte minutos aínda por xogar. Foron minutos de sufrimento, co Raio intentando atopar o camiño do empate, e co Fabril defendéndose no seu propio campo.

Non renunciaron á sentenza aos coruñeses, que tiveron unha das máis claras no minuto 88, cun córner de Dylan que a piques estivo de sorprender a Dani Atanes. Tamén desde o curruncho chegou a ocasión dos locais, cun remate de Jorge Salinas que marchou alto. E, no minuto 95, Diego Díaz acariñou tamén o empate, cun disparo afastado preto da escuadra. Pero xa non houbo goles, e o Fabril pechou a súa segunda vitoria consecutiva, que lle permite asentarse na zona alta da táboa con 13 puntos, un máis co seu rival.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos