O Deportivo remata a xira portuguesa coa pólvora mollada
Perdeu por 2-0 co Chaves antes de afrontar o Teresa Herrera, onde se verá unha verdadeira medida do equipo de Idiákez
Escudero mancouse no primeiro tempo e sofre unha luxación de cóbado
O Deportivo rematou a xira portuguesa cunha derrota na veciña Chaves, equipo que descendeu a temporada pasada á segunda categoría do fútbol portugués. O Chaves marcou no treito final do primeiro e do segundo tempo. Rematou deste xeito a serie de partidos en Portugal nos que o equipo de Idiákez sumou un empate e unha derrota. Neste último encontro gozou de boas ocasións pero non tivo acerto de cara á porta contraria.
O equipo dará a súa verdadeira medida a vindeira fin de semana no torneo Teresa Herrera que supón a presentación oficial diante da afección. Neste partido o adestrador xogou de inicio con: Germán, Iago, Pablo Martínez, Lucas Pérez, Villares, Barbero, Pablo Vázquez, Escudero, José Ángel, Soriano e Ximo. Luis Chacón entrou no lugar de Escudero que tivo que marchar mancado á media hora cunha luxación no cóbado. Na segunda metade tamén xogaron Davo, Hugo Rama, Kevin, Rubén e Barcia.