O Deportivo non pode co Granada en Riazor (2-3)
O equipo nazarí, máis necesitado, amarga a festa de aniversario da Liga coruñesa
Foron decisivos os dous goles na primeira metade
O Granada de Pacheta estreouse en Riazor facendo gala dunha maior necesidade, co equipo en plena pelexa por meterse na promoción de ascenso. O Deportivo festexaba os vintecinco anos do seu título de Liga sen nada máis en xogo, e notouse sobre o céspede.
Resultou determinante unha acción aos 9 minutos. Villares pediu penalti por agarrón cando ía armar a perna. O árbitro non o indicou e, nesa mesma contra, o Granada abría o marcador cun remate cruzado de Abde Rebbach. O VAR validou a decisión do colexiado, e o tanto subiu ao marcador.
Contra a media hora produciuse unha situación semellante: logo dunha clara ocasión local, Tsitaishvili aproveitaba unha indecisión entre Germán e Pablo Vázquez e anotaba o 0-2, que deixaba as cousas moi difíciles para o cadro coruñés. O Deportivo non renunciou a meterse no partido e, nunha rápida acción, Zakaria asistía a diego Gómez, que remataba á rede. Pero o tanto quedou anulado por fóra de xogo.
Na segunda metade, o Deportivo seguiu buscando o seu gol para meterse no partido, Primeiro respondeu Mariño cunha gran parada. Despois, Escudero topaba co poste nun remate impresionante desde moi lonxe. E, no minuto 71, chegaba o premio para os coruñeses: Barbero aproveitaba un erro de Mariño na saída do balón e anotaba o 1 a 2. Pero non houbo tempoo dedixerir a nova situación: Trigueros volvía ampliar a renda nazarí no seguinte ataque. 1-3 e cada vez menos tempo para reaccionar.
Aínda tivo tempo o equipo galego para volver acurtar diferenzas. Foi nunha acción persoal de Yeremay. O canario foi derrubado na área, e transformou o penalti cun lanzamento de Panenka marca da casa. Era o minuto 90 e o marcador xa non se moveu. Si houbo tempo na última acción para a expulsión de Barbero por cartón vermello directo. Vitoria para o Granada, que segue na pelexa por entrar na promoción.