O Deportivo comeza a temporada diante dun Granada con moitas dúbidas
A primeira saída medirá a ambición do proxecto de Antonio Hidalgo
O cadro nazarí conta con trece xogadores e agarda inscribir algún máis ao longo do sábado
Remataron as probas e comeza a temporada. A ambición do proxecto de Antonio Hidalgo medirase no campo dos Cármenes, en Granada. Co mercado de fichaxes aberto, á espera de entradas e agardando que non haxa saídas de xogadores determinantes como Yeremay ou Mella, o conxunto deportivista tentará levar os tres primeiros puntos da temporada.
Enfronte estará un equipo no que hai moitas dúbidas. As estreiteces económicas e as rigorosas marxes salariais da Liga provocan que a unhas horas de comezar o partido Pacheta só poida contar con trece fichas do primeiro equipo. O club nazarí agarda inscribir a Faye, Arnaiz, Jorge Pascual ou Hormigo pero son dúbida ata o último intre por cuestións administrativas.
Antonio Hidalgo, pola súa parte, asume con resignación a inquedanza que produce que o mercado siga aberto. E no medio de tanto ruído e mercadeo chega a Liga. O balance da pretemporada foron catro vitorias, un empate e unha derrota.