O Celta recibirá un As Palmas á baixa logo de catro derrotas seguidas
O equipo insular pasa polo peor momento da temporada. Só foi quen de sumar dous dos últimos 21 puntos.

O Celta tentará aproveitar o mal momento da Unión Deportiva As Palmas para lograr esa ansiada vitoria que o poña a un paso de acadar a permanencia na Primeira División. Giráldez vén de perder o primeiro partido como adestrador do primeiro equipo no campo do Betis e quere gañar en Balaídos, algo que mereceu contra o Raio Vallecano pero que se lle resiste nos últimos encontros.
Durante boa parte da temporada As Palmas era a revelación na máxima categoría. Un recentemente ascendido que na xornada 24, despois de gañarlle por 2-0 ao Valencia, ocupaba o oitavo posto na Liga, a só dous puntos dos postos que dan acceso a competición europea.
Desde entón, o equipo de García Pimienta non fai máis que sumar resultados negativos. Só conseguiu empatar contra o Osasuna e o Xetafe e perdeu os outros cinco partidos, catro deles de xeito consecutivo. O último, contra o Sevilla por 0-2, demostrou que As Palmas segue á baixa. Ten 37 puntos, unha cifra que case lle garante seguir na Primeira División aínda que non faga ningún punto máis pero este remate de campionato estáselle a facer moi longo.