O Celta pasa a páxina da derrota en Gran Canaria e céntrase no Xetafe
Recibe ao equipo madrileño o domingo (18:30) en Balaídos
O Celta pasa a páxina da derrota contra As Palmas (2-1) e quere centrarse no partido que vai ter o domingo contra o Xetafe en Balaídos (18:30 horas). O partido en que definitivamente quere romper coa mala serie de resultado e comezar a coller confianza con vitorias.
Ata o de agora o equipo de Benítez só logrou unha vitoria na Liga, e foi como visitante no campo do Almería (2-3). En Vigo perdeu ante Osasuna (0-2), Real Madrid (0-1), Mallorca (0-1) e só deu empatado contra o Alavés (1-1) no que foi o peor partido dos catro que xogou. Ademais só marcou un gol e tivo que ser en propia meta dun xogador vitoriano.
A derrota contra As Palmas fixo moito dano. O xeito de producirse resultou moi similar ao partido fronte ao Barcelona, cunha remontada nos últimos minutos. Pero hai un gran matiz, os canarios son rivais directos dos celestes e o resultado deixou tocado o vestiario.
O Xetafe cámbialle o nome ao campo
O Xetafe tamén está de actualidade porque o club e o Concello decidiron cambiar o nome do seu estadio. Nunca máis será coñecido como Alfonso Pérez. O ex-xogador internacional fixo unhas declaracións moi desafortunadas no xornal El Mundo, que, segundo o Concello, para nada defenden os valores de "igualdade, solidariedade e respecto" que deben presidir o deporte. A partir de agora será coñecido só como Coliseum.