O Celta adquire os dereitos de Ilaix Moriba ata o 2029
O club apurou ata o último día do prazo que había pactado co Leipzig para chegar a un acordo co xogador
Ilaix Moriba será xogador do Celta ata o ano 2029. Este domingo remataba o prazo para executar a opción de compra por seis millóns de euros que pactara co Leipzig alemán. O principal problema era chegar a un acordo co xogador porque o Celta non podía facer fronte á alta ficha que tiña Ilaix pero as dúas partes realizaron un esforzo económico importante para que Moriba xogue en Balaídos os próximos catro anos.
Cedido a campaña pasada polo Leipzig estivo ao mellor nivel da súa carreira. Xogou 33 partidos, 22 deles como titular. Marcou un gol, contra o Sevilla, e o seu traballo no centro do campo resultou fundamental para a mellora de nivel do equipo.
Antes de rematar a temporada Claudio marcou como obxectivo prioritario contar con Ilaix e con Borja Iglesias para temporada 25-26, dous xogadores cedidos e que ofreceron un gran rendemento. A venda pactada co equipo alemán era de 6 millóns ata o 15 de xuño. A partir desa data entraba en situación de negociación libre e o prezo podía subir. Por iso aceleraron na negociación e o domingo asináronse os documentos que unen a Ilaix Moriba ao Celta.