O Bergantiños gaña no último minuto cun gol dun debutante (2-1)
O haitiano Kensly Vázquez deulle a vitoria ao conxunto galego fronte ao Salamanca
Os bergantiñáns rompen unha xeira de seis partidos sen gañar
Os locais gozaron de múltiples ocasións na segunda metade e puideron pechar o encontro moito antes
Un gol do debutante Kensly Vázquez deulle a vitoria ao Bergantiños fronte ao Salamanca nas Eiroas. Na primeira metade, o partido estivo moi disputado pero foron os galegos os que gozaron das ocasións máis claras. Ouhdadi sería o primeiro xogador en avisar aos visitantes cun disparo dende lonxe que marchou preto da portería defendida por Villanueva. Os salmantinos tentaban disputarlles o balón aos bergantiñáns, pero sen éxito. No minuto 32, Galvan vería a tarxeta vermella por protestar un posible penalti, o que lle condicionaría o resto do partido ao Salamanca. Pouco antes de chegar ao descanso, José Currás faría gran xogada individual e, despois dunha boa parede cun compañeiro, culminaría cun remate potente para adiantar no marcador aos locais e marchar co 1 a 0 ao tempo de lecer.
A segunda metade non podería empezar mellor para as visitantes. Despois dun posible control coa man, o recentemente entrado ao campo Alvarito quedaría só diante de Canedo e anotaría o empate cun disparo raso. Tras o gol os salmantinos sufriron a ausencia no campo dun futbolista e deuse un monopolio absoluto das ocasións por parte do Bergantiños. O central Cristian Romero gozaría dunha das máis claras cun remate na área pequena que lle saíu centrado e parou Canedo. Manu tamén tería unha das mellores oportunidades para os locais ao quedar só diante do gardameta e tentar unha vaselina que tivo que sacar o defensa salmantino sobre a liña.
Cando parecía que o empate sería o resultado final, o haitiano Kensly Vázquez, que debutaba coa camiseta bergantiñán, remataría de cabeza no segundo pau para darlle a vitoria aos locais. Deste xeito, o Bergantiños rompe unha xeira de seis partidos sen gañar e sae dos postos de descenso.